viernes. 29.03.2024

O programa Medrando Xuntas da Xunta para impulsar o talento feminino na economía social e que se enmarca na Estratexia galega de Economía Social 2019-2021 arrancará o próximo mes de marzo. As mulleres interesadas en participar nesta iniciativa de formación, que rematará en xuño, poden matricularse xa. Levaranse a cabo dous programas diferentes: un dirixido a directivas e outro a socias e traballadoras.

Esta edición, a quinta, desenvolverase principalmente en formato dixital tras o éxito do programa que tivo lugar en 2020 que se adaptou á situación xerada pola covid-19. Nas edicións pasadas participaron 155 mulleres nos 10 cursos que se realizaron en seis localidades diferentes. A modalidade dixital axuda, ademais, a desenvolver habilidades dixitais e reduce os desprazamentos entre cidades galegas, axudando á conciliación da vida profesional e persoal.

O itinerario Medrando Xuntas. Directivas está enfocado a responsables de dirección e/ou de goberno para ofrecerlles unha formación co fin de potenciar as capacidades directivas con perspectiva de xénero como factor chave no seu desenvolvemento profesional. Os contidos que se traballarán son, entre outros, de xestión das organizacións de economía social e habilidades directivas e proxectos colaborativos. Ademais as alumnas contarán cun acompañamento personalizado durante toda a formación para axudalas a mellorar o seu desenvolvemento profesional. O curso ten unha duración de 60 horas de duración e desenvolverase entre o 5 de marzo e o 11 de xuño, en modalidade mixta, con sesións dixitais a través da plataforma Zoom que se complementarán con sesións presenciais na sede da Escola Galega de Administración Pública (Egap) en Santiago de Compostela, sempre e cando a situación sanitaria o permita.

Por outra banda, Medrando Xuntas. Socias e Traballadoras quere ofrecer unha formación específica enfocada para apoderar as mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. O curso ten unha duración de 20 horas e realizarase entre os meses de abril e maio en formato exclusivamente dixital a través da plataforma Zoom. Os contidos versan sobre a xestión das organizacións de economía social e habilidades persoais.

Ademais terá lugar o IV Foro Medrando Xuntas, o encontro anual que se prevé desenvolver a finais do programa formativo. É un espazo que permite a conversa entre as mulleres da economía social de Galicia e que serve como punto de encontro para construír modelos de negocio de éxito a través dunha economía máis xusta.

Toda a información relativa a Medrando Xuntas (programas completos, inscrición, datas e horarios, etc.) pode consultarse na web da Rede Eusumo. As prazas para participar no programa formativo son limitadas e a preinscrición pode realizarse a través do formulario que se atopa na dita web ata o 21 de febreiro de 2021.

Para consultas e información adicional está dispoñible o correo electrónico [email protected] e o número de teléfono 651 394 409.
 

Medrando Xuntas