Santiago Cruz, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de san Bartolomé de Noia.

Santiago Cruz, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de san Bartolomé de Noia: “Agora ser mariscador é un oficio menos sacrificado”

Leva 44 anos mariscando na ría de Noia. Os seus avós, pais e irmáns (9) tamén viviron do mar. Son xa 20 anos como Patrón Maior da Confraría de Pescadores san Bartolomé de Noia, isto é, cinco reeleccións por maioría. Goberna 1.520 persoas que viven directamente da pesca do berberecho (80%) e da ameixa fina e babosa (20%), socios desta confraría máis que centenaria. Aínda que recoñece que “agora é un oficio moito menos sacrificado”. 200  embarcacións amarradas a porto, fronte á lonxa, porque se paralizou a campaña polas borrascas e pola baixada da salinidade, dan testemuño de que viven do marisco. Santiago Cruz Martínez, o Patrón Maior, valora moito o equipo que ten atrás del: “Eu sempre digo que debemos ter un bo equipo atrás para que todo funcione”.

A campaña empezou en setembro, ata o 30 de decembro. Ían reactivala o 1 de febreiro, pero as borrascas, coa presa do Tambre aberta 14 días e a baixa salinidade das augas, levaron ata esta paralización. Contan recomezar o 15 de febreiro.

BERBERECHO

Este bivalvo, o berberecho, é “dunha calidade extrema”. Hoxe en día, as lonxas teñen máquinas que clasifican o berberecho segundo o tamaño de 1 a 4, desfacéndose do 5 por non consideralo talla comercial.

Aínda que a normativa da Xunta autoriza coller bivalvos de 25 milímetros e moitas confrarías traballan con esta medida, os rastros (aparellos de varas de ferro “que actúan coma unha peneira”) desta confraría deixan marchar ese berberecho porque a talla mínima son 28 milímetros. “O pequeniño xa queda no mar. Nós non os queremos, para deixar máis berberecho para sementar nos bancos marisqueiros e así na vindeira campaña vaise recoller máis”.

En  anos bos, non como o anterior, a Confraría chega a recoller ata 30 toneladas de berberecho nunha campaña. “Isto non ocorre en ningún sitio”, explica Cruz. E o berberecho de primeira categoría pode acadar os 27 euros o quilogramo.  Un 70 por cento vai para as conserveiras. “Os compradores das conserveiras e depuradoras de Barcelona, Madrid, Alicante, Murcia…transmítennos que queren berberecho de Noia”, afirma o Patrón Maior.

GALICIA CALIDADE

“Ademais, temos o selo de Galicia Calidade que nos achegou un valor engadido e deunos un pulo…promovendo a nosa marca en feiras con grande éxito. Notamos máis demanda. Nas feiras agroalimentarias, ás que asiste o noso secretario, Adelo, promovemos o produto e vemos que cada vez hai máis interese…”.

VENDA

O berberecho de Noia chega incluso a EEUU “moi pouco, pero véndeno”. E tamén a Europa. Onde máis se consume é en España. “Pero aos poucos, promovendo o produto, imos chegar máis lonxe”, di ilusionado.

O outro 20% das capturas da Confraría de Pescadores san Bartolomé de Noia é ameixa fina e a babosa. Tamén se comercializan enlatadas. “A fina ten un alto valor porque soporta moitísimo tempo fóra da auga sen estragarse. Vai para País Vasco, Madrid e Barcelona. Son produtos que se pagan bastante ben, sobre todo no Nadal, que é cando hai máis demanda”. 

A Confraría ten unha pequena depuradora. E no Nadal pódense vender ata 300 quilogramos día. Con isto o consumidor pode atopar tamén nos restaurantes da comarca de Noia estes bivalvos e degustalos na súa zona.

PERFIL TRABALLADORES

“Isto cambiou moito”, di Santiago. Agora ata hai xente con carreiras “que non teñen onde ir” e recalan como mariscadores. O número de mariscadores non varía xa que só se cobren as vacantes. A proporción adoita ser de 30 prazas para as que se presentan 300 persoas. A consellería do Mar establece un baremos e entran os que máis puntúen.

Algúns viven –explica o Patrón Maior- da campaña dos seis meses. “Este ano non, pero a maioría dos anos, si”. Hainos tamén que trala campaña exercitan outro oficio (albanel, camareiro…) e outros que van de mariñeiros á campaña do polbo ou ao peixe con trasmallos.

“Agora é un oficio menos sacrificado. Hai que tirar do rastro, pero pola mañá acabas. Antes estabas ata as 11 ou 12 da noite…, en inverno a chover, facendo a escolla do produto ou querendo vender…”

FAMILIA MARIÑEIRA

Santiago estudou a EXB e con 14 ou 15 anos axudaba xa no marisqueo aos seus pais. “Meus pais andaban ao marisco”. Xa os seus avós facían o mesmo. Os nove irmáns traballaron no marisqueo. As tres mulleres “cando eran máis novas” tamén, ata que casaron. Agora unha quere volver ao oficio.

Por iso, conclúe: “Eu veño dunha tradición mariñeira”.

Un momento importante na vida de Santiago Cruz Martínez foi cando se presentou a Patrón Maior e co seu equipo foi elixido. A súa nai díxolle: “Santiago, respecta a toda a xente e failles ben”. E contextualiza: tempos atrás nos  que a confraría tiña pasado unha época turbulenta, de mala xestión. Pasaron xa 20 anos e Santiago gañou cinco eleccións por maioría absoluta. “Iso axúdache a presentarte de novo…”, di con humildade. E ten escoitado outros que lle din: ‘Teste que presentar outra vez…’ Hai veces que dubidas porque cansa e queima…Hai moitos mariscadores e mariscadoras…E sempre hai problemas coa toxina, coas riadas…”.

Para Santiago, “gobernar todo isto é vivilo. Eu son dos que penso que o Patrón Maior ten que ser mariñeiro. Porque ao vivilo con eles acotío, transmítenche os seus problemas e sabes solucionalos mellor. (…) Despois está o equipo detrás de vixiantes, biólogos, oficinistas, técnicos…Eu sempre digo que debes ter un bo equipo detrás para que todo funcione ben”.

A Confraría de Pescadores san Bartolomé fai honor ao seu nome e cada 16 de xullo celebra por todo o alto o seu patrón e a Virxe do Carme (preciosa imaxe que acubillan nas oficinas) xunto cun case centenario estandarte de valor incalculable para esta entidade.  “Vese moita devoción durante a procesión e a santa Misa con miles de persoas que veñen á celebración”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1