viernes. 19.04.2024

O Concello de Ponteareas vén de licitar a execución da pavimentación e valado da terraza do Centro Cultural de Ribadetea, así como dunha rampla peonil de acceso á mesma. 

As obras foron licitadas cun orzamento total de 43.676,24 euros, ive incluído, e as empresas interesadas dispoñen dun prazo de presentación que rematará o vindeiro 11 de febreiro.

O obxecto desta actuación, segundo indicou o concelleiro e Cultura, Fernando Groba, é “complementar o acceso ao Centro Cultural de Ribadetea mediante unha rampla á fronte da edificación, proporcionando ademais un acceso directo exterior á cafetería e á terraza a través desta pasarela metálica, sen necesidade de acceder ao salón de actos. Isto facilitará tamén a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida”. O edil nacionalista sinalou que tamén se procura “dotar á terraza dunha maior seguridade coa instalación dunha varanda, ademais da súa pavimentación e impermeabilización”

ENSANCHE E MELLORA DA VÍA A COVA-CAÑOTEIRA, AS CORTELLAS

A concellaría de Vías, Obras e Alumbrado, que dirixe Chus Garrote, informa que nesta semana comezan os traballos de mellora da vía A Cova-Cañoteira na parroquia de As Cortellas.

Estas obras contan cun orzamento de 168.438€ financiados con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

En resposta á demanda veciñal, as obras dotarán dunha axeitada accesibilidade a esta zona facendo posible o acceso de todo tipo de servizos.

Ata o día de hoxe moitos dos servizos tiñan dificultade para pasar en determinados puntos deste tramo xa que o camiño existente apenas permite o paso dun vehículo lixeiro non sendo suficiente para o acceso de vehículos de emerxencias, entre outros.

Logo da obtención dos permisos pertinentes e da colaboración da veciñanza na cesión dos metros precisos para proceder a ampliar a anchura do camiño, a concellaría de Vías, Obras e Alumbrado executará traballos de ensanche, colocación de muros, mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e posterior asfaltado.

Contemplase tamén a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.

A socialista Chus Garrote explica que se trata dunha obra moi necesaria,  que se suma á longa lista de ensanches e asfaltados de camiños de terra a través dos que durante toda a vida tiñan que acceder a veciñanza aos seus fogares, como as xa realizadas en Santa Cruz, Ribadetea; en Cillarga; A Urcela, Cristiñade; en Guillade; en Duca, Santiago de Oliveira ou Outeiro de Castro, en Fozara, entre outras moitas.

Chus Garrote engade que dende a súa concellaría se fan importantes esforzos en dotar de maior accesibilidade aos fogares do rural e que así teñan máis e mellores servizos, “hai que ter en conta que a metade da poboación de Ponteareas vive no noso rural, algo moi bo pero que multiplica o número de camiños, pistas e viais de acceso, tendo en total máis de 400 kms de vias municipais e  facendo que haia que duplicar esforzos en mantemento e mellora dos mesmos xa que durante anos os gobernos anteriores non se preocuparon en dotar as súas parroquias dos servizos mínimos”

Ponteareas licita a construción da rampla peonil, pavimentación e valado da terraza do...