viernes. 29.03.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, poñerá en marcha a partir desta semana un programa dirixido polo hacker e experto en ciberseguridade Bernardo Viqueira, destinado á poboación en xeral, co obxectivo de proporcionar as ferramentas necesarias para enfrontarse aos diversos dispositivos dixitais cos que nos relacionamos diariamente nas mellores condicións de seguridade.

As accións, que se enmarcan no novo programa de «Saúde dixital» de Afundación, inícianse este mércores en Afundación TV coa primeira dun total de oito microsesións formativas que proporcionarán unha visión realista do mundo dixital e axudarán ao usuario para xestionar mellor os sistemas informáticos. Bernardo Viqueira dará os mércores e venres do mes de febreiro as claves para comprar na internet de modo seguro, a privacidade e as RRSS, como protexernos en cinco fases, os menores na internet ou como configurar un ambiente seguro en casa, entre outros. Os contidos difundiranse tamén a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, facilitando así ferramentas que contribúan a mellorar a nosa relación cos dispositivos dixitais e as novas canles de comunicación dixital.

Así mesmo, dado o elevado interese que esta cuestión suscita entre todos os integrantes da comunidade educativa, Afundación programou para o próximo 25 de febreiro ás 19 h, en directo en Afundación TV, unha conferencia de Bernardo Viqueira dentro do seu ciclo «Educación século XXI». Deste xeito, nais, pais, docentes e alumnado e a sociedade en xeral poderán coñecer, da man do hacker e divulgador de ciberseguridade os perigos das redes sociais.

Por outra banda, co mesmo obxectivo de proporcionar ferramentas para protexerse dos perigos do uso inadecuado da tecnoloxía, o programa de «Saúde dixital» de Afundación inclúe un laboratorio de ciberseguridade, dirixido a centros de toda España, e no que xa se anotaron máis de 1200 escolares. O taller, que se desenvolve vía streaming, potenciando o uso da interacción en liña, ten como obxectivo que os participantes tomen conciencia do que realmente significa a pegada dixital, tanto desde unha mirada no presente como pensando no futuro. A través dunha dinámica práctica e divertida, dúas persoas expertas en ciberseguridade que traballan regularmente con grandes empresas, a policía e a garda civil, abordarán, en directo, os perigos das redes sociais e en especial os baleiros de seguridade relacionados con menores. Falarase de Instagram, Twitter e Facebook, de como se xeoposicionan as publicacións e faise seguimento de todo o que fan todos os usuarios. Deste xeito, os escolares poderán entender, mediante exemplos prácticos que os propios expertos realizarán cos participantes, as vantaxes e os perigos de transitar por Internet e as redes sociais. Os talleres están estruturados en función das idades dos participantes, e mostrarán como o mal uso ou o coñecemento das redes pode repercutir nas vidas dos usuarios. Os centros educativos interesados en inscribirse poden facelo no teléfono 986 333 210 ou a través do correo electrónico [email protected].

O hacker Bernardo Viqueira ensina cómo defendernos do mal uso da tecnoloxía