viernes. 19.04.2024

A Xunta de Galicia vén de trasladarlle ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a súa proposta de adianto do horario do toque de queda na comunidade galega, co obxectivo de frear a expansión da covid-19.

O conselleiro de Sanidade volveu a insistir na conveniencia de que o Goberno central poña a disposición das comunidades autónomas todas as ferramentas posibles para o control da covid-19 segundo a situación epidemiolóxica de cada momento e que se poidan empregar a nivel de provincia, concello, área sanitaria e distrito sanitario.

No transcurso da xuntanza mantida esta tarde cos responsables sanitarios do conxunto de comunidades autónomas españolas e o Ministerio de Sanidade, o titular do departamento sanitario da Xunta, Julio García Comesaña, informou que o Executivo galego considera axeitada a posibilidade de que os gobernos autonómicos poidan modificar e adiantar a restrición de mobilidade horaria, así como implantar confinamentos segundo as necesidades epidemiolóxicas que presente cadanseu territorio.

A Xunta de Galicia forma parte do conxunto de gobernos autonómicos que lle trasladaron a súa petición ao Goberno central para que este permita flexibilizar as limitacións de mobilidade nocturna ou implantar confinamentos, e así poder combater o incremento de novos casos positivos rexistrados nas últimas datas.

PLAN DE VACINACIÓN

No que atinxe ao Plan de vacinación, e unha vez restablecido o subministro a niveis semellantes aos envíos iniciais, aínda que algo por debaixo destes, recuperase a programación establecida. Así, na comunidade galega, e malia o descenso no envío destas doses ata o 57% esta semana, seguiuse a manter a cadencia de vacinación.

Así mesmo, García Comesaña apuntou que a Consellería de Sanidade segue a traballar co Ministerio na definición dos vindeiros grupos de vacinación. Neste senso, subliñou que de establecerse como prioritarios os grupo de poboación de maior idade, é preciso que se teña en conta a realidade demográfica de cada territorio á hora de definir os criterios de reparto das vindeiras doses. Nomeadamente, referiuse a maior porcentaxe de poboación con máis 65 anos coa que conta Galicia respecto do conxunto do Estado.

A Xunta propón no Consello Interterritorial de Saúde o adianto do horario do toque de...