martes. 23.04.2024

A Xunta participou neste 2020 no desenvolvemento conxunto de sete proxectos europeos para a promoción turística de Galicia como un destino competitivo e sostible que supuxeron un investimento de 1,2 millóns de euros no noso territorio, maioritariamente procedentes de fondos europeos. Así o recolle o informe de balance sobre os proxectos europeos en execución ou xa executados, no que se da conta da situación destas accións que mobilizaron un orzamento conxunto para a totalidade dos asociados implicados de 6,8 millóns de euros.

Catro dos sete proxectos estiveron orientados ao desenvolvemento de produtos turísticos transfronteirizos en cooperación directa coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. En concreto durante este ano deuse pulo ao proxecto “Facendo Camiño”, cun investimento nesta edición de case 300.000 euros por parte de Turismo de Galicia co obxectivo de avanzar na consolidación dos itinerarios do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e impulsar o seu aproveitamento sustentable como recurso patrimonial cultural e natural transfronteirizo.

O Gerês-Xurés dinámico foi outro dos proxectos impulsados. Orientado a darlle maior visibilidade aos recursos desta Reserva da Biosfera Transfronteiriza e mellorar a calidade e a comercialización dos seus produtos turísticos, permitiulle á Xunta levar adiante accións por importe de máis de 750.000 euros dos que 150.000 foron a cargo do Goberno galego.

O aproveitamento turístico do patrimonio cultural e natural do río Miño Internacional foi o terceiro dos proxectos impulsados este ano, cun investimento autonómico de 60.000 euros mentres que o impulso á Ruta Eurovelo- Ruta dos Peregrinos (EV3-PR) fixo posible mellorar a competitividade turística desta ruta desenvolvendo paquetes turísticos relacionados co cicloturismo.

Destes catro proxectos, os tres primeiros terán continuidade nos vindeiros anos mentres que o da Ruta Eurovelo está xa rematado.

Tamén está finalizado o proxecto Waoh Route, que permitiu impulsar o primeiro roteiro transnacional de mergullo sostible, conectando lugares para esta práctica deportiva desde Portugal a Reino Unido e fixando unha folla de ruta para a súa promoción e comercialización que se estendera ata o vindeiro ano.

DESTINO INTELIXENTE

A posta en marcha de programas que supuxeran o desenvolvemento de Galicia como Destino Turístico Intelixente a través das novas tecnoloxías foi outro dos aspectos que se desenvolveu a través destes proxectos europeos.

É o caso do proxecto EDIT, aínda en desenvolvemento, no que se traballa para establecer mecanismos eficientes de xestión de fluxos turísticos a través do uso das TIC e que supuxo un investimento de máis de 600.000 euros xestionados pola Administración autonómica; ou o proxecto Creative Loci Iacobi, concluído este ano, co que se promoveu de xeito internacional a visibilidade das Rutas Xacobeas mediante o emprego de tecnoloxías relacionadas cos CISO (Industrias Culturais e Creativas) o que permitiu mellorar a competitividade do Camiño de Santiago coa implantación de ferramentas como a realidade aumentada, mapas de xeolocalización, app ou vídeos 360 grados.

Os sete proxectos europeos desenvolvéronse no marco do Programa de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP) e no do Programa para a Competitividade das Empresas e para as Pequenas e Medianas Empresas (COSME) que se impulsan en colaboración con outros socios de proxecto e financiados cun 75% procedente de fondos europeos.

NECSTOUR

Ademais da súa participación activa nestes proxectos europeos, Galicia tamén está presente en Europa a través da rede Necstour, composta por 34 rexións europeas de gran peso turístico que traballan conxuntamente no impulso dun turismo responsable. Esta participación directa supón para Galicia unha vantaxe competitiva no deseño de políticas públicas, na promoción do destino e na participación en grupos de traballo como que se ven de constituír recentemente para establecer medidas orientadas a paliar o impacto da covid-19 no sector turístico.

Sete proxectos europeos cun investimento de máis 1,2 millóns de euros para impulsar o...