viernes. 29.03.2024

A Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación dos traballos de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, ás que destina 322.000 euros.

O delegado territorial da Administración galega en Ourense, Gabriel Alén, explicou que o obxectivo é mellorar a sinalización coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte das Rutas do Viño destas denominacións de orixe. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o vindeiro día 25 de xaneiro e o prazo de execución é de catro meses.

O proxecto prevé unificar os tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo. Ademais, propón incluír indicadores en lugares singulares nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño.

O territorio no que se actuará abarca os concellos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Parada do Sil, Nogueira de Ramuín e A Pobra de Trives, xunto cos municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra. Os concellos de O Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Petín dentro da Ruta do Viño de Valdeorras; e os concellos de Monterrei, Verín e Oímbra na Ruta do Viño de Monterrei.

Gabriel Alén salientou que a ruta abrangue recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

Esta licitación da Axencia de Turismo de Galicia ten un orzamento total de case 322.000 euros.

322.000 euros para a sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, Monterrei e...