jueves. 28.03.2024

Os circuítos de espectáculos escénicos e musicais promovidos pola Xunta, en colaboración con 158 concellos e 39 espazos privados de toda Galicia, sumaron en 2020 máis de 1250 citas culturais e un investimento conxunto superior aos 2,5 millóns de euros. Desta contía, un 62% foi achegado directamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do seu departamento de Industrias Culturais para o desenvolvemento das programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Cultura no Camiño +, Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas, Danza 3 e Directos Xacobeo en Salas.

Esta última iniciativa foi un dos novos proxectos xurdidos ao abeiro do Plan autonómico de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19, no marco do que tamén se reforzaron as redes xa habituais e se flexibilizaron as súas normativas para posibilitar a reprogramación das actuacións de teatro, música, danza, novo circo e maxia que se viron afectadas polas restricións sanitarias.

CONTRATACIÓNS

Así foi no caso do decano destes circuítos, a Rede Galega de Teatros e Auditorios, que logrou recolocar un 82% das funcións suspendidas a partir da declaración do primeiro estado de alarma. Deste xeito, pese á evolución da pandemia e coa seguridade do público e dos artistas como prioridade, a rede pechou o ano con 488 actuacións en 38 municipios, para as que se contrataron 148 formacións profesionais, a meirande parte delas galegas.

Nova Galega de Danza, coa súa montaxe coreográfica Leira; o espectáculo musical A casa do terror, de A Banda do Verán; as producións teatrais A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico; A compañeira de piso, de Contraproducións, e Bernarda, de Malasombra; ou o novo circo de Galitoon e Xampatito Pato atópanse entre as propostas máis programadas no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Pola súa banda e pese ás cancelacións e adiamentos provocados pola covid-19, Cultura no Camiño+ rexistrou en 2020 o maior nivel de actividade da súa historia, con 410 citas en 133 concellos a cargo de 160 compañías escénicas e grupos de música galegos. A posta en marcha do Plan de reactivación permitiu incrementar en máis do triplo o seu orzamento, de xeito que as cifras rexistradas o ano pasado superaron en máis dun 45% ás de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.

REPROGRAMACIÓN

No caso da Rede Galega de Música ao Vivo e diante das restricións sanitarias aplicadas ás salas adheridas, o departamento de Industrias Culturais facilitoulles a posibilidade da gravación en directo dos concertos que non puideran ser realizados con público, así como a reprogramación durante 2021 das actuacións que non puideron levarse a cabo e que se sumarán á carteleira habitual deste circuíto. Finalmente, en 2020 conseguiron desenvolverse 106 concertos de 97 grupos de todos os estilos en 15 dos locais que forman parte desta iniciativa.

A actividade nos circuítos da Xunta completouse coas 118 funcións que acolleron os cinco espazos da Rede Galega de Salas e coas 12 actuacións noutras tantas localidades do ciclo de baile e música tradicionais Danza 3, ademais dos 125 concertos -tanto con público como gravados ao vivo- da nova iniciativa Directos Xacobeo en Salas, desenvolvida en colaboración coa asociación Clubtura en 53 espazos de toda Galicia.

Os circuítos escénicos e musicais da Xunta pechan 2020 con máis de 1250 actuacións e un...