sábado. 20.04.2024

Un total de 91 empresas beneficiáronse en 2020 das axudas da Consellería do Medio Rural para a transformación e comercialización de produtos agrarios, destinadas a fomentar a creación, ampliación e modernización das industrias agrarias galegas. Así, outorgóuselles un importe global de 26 millóns de euros, cos que a Xunta subvencionará unhas actuacións que superarán en conxunto os 82,35 millóns.

Se analizamos os datos por provincias, na da Coruña localizáronse 23 proxectos beneficiarios dun total de 6,7 millóns de euros en axudas para un investimento de 20,5 millóns. No tocante á de Lugo, os proxectos beneficiarios ascenderon a 38 cunha achega de 10,1 millóns para un investimento de 36,2 millóns. En Ourense foron 11 os proxectos aprobados cunha subvención de 1,1 millóns de euros para un investimento de 3,2 millóns. E, finalmente, en Pontevedra foron 19 os proxectos beneficiarios dunha achega de 7,9 millóns de euros para un investimento de 22,3 millóns.

Canto á proporción por sectores, destacan as axudas concedidas a 28 proxectos de investimentos no sector lácteo -cun importe total de case 12,4 millóns de euros- que representan preto do 48% do total das achegas aprobadas, para un investimento de 41,44 millóns. Entre estas iniciativas, 13 están encamiñadas á elaboración de diversos tipos de queixos, tres á obtención de leite en po así como de proteínas e soro de leite en po e os outros 12 restantes son para a elaboración dunha gran variedade de derivados lácteos, como son os iogures, xeados, mozzarella e doce de leite.

No sector cárnico, apoiáronse 27 proxectos cun investimento de 21,9 millóns de euros e cunha axuda total de case 7,7 millóns. Os investimentos diríxense á modernización e a melloras en matadoiros, salas de despezamento e industrias de elaborados cárnicos. Mentres, no eido hortofrutícola, concedéronse 2,14 millóns en axudas a 11 proxectos, cun investimento total subvencionable de 6,61 millóns. Os proxectos aprobados corresponden a actividades relativas á manipulación e procesado

AGROINDUSTRIA

No tocante á alimentación animal, aprobáronse 11 proxectos cunha axuda de 1,7 millóns de euros e cun investimento total subvencionable de 4,6 millóns. Os proxectos apoiados corresponden nun 99% a instalacións de cooperativas. Así mesmo, concedéronse achegas a 14 proxectos doutros sectores de actividade, cunha axuda total de 2,09 millóns de euros e cun investimento subvencionado global de 7,75 millóns. Entre eles destacan iniciativas en instalacións de selección e envasado de ovos (a metade deles de produción ecolóxica), de incremento da capacidade produtiva dunha industria de elaboración de galletas tradicionais ou de ampliación de instalacións para a elaboración de augardente e licores con Indicación Xeográfica Protexida.

O volume das axudas concedidas e dos investimentos subvencionables en 2020 confirman o peso das industrias agrarias no tecido económico galego, posibilitando a viabilidade das explotacións ao achegar valor engadido ás producións e facilitar o seu acceso aos mercados. Así mesmo, mostran que estas industrias conseguen fomentar a creación e mantemento de postos de traballo nas zonas rurais.

Deste xeito, aínda que a agroindustria galega se espalla por todo o territorio, ten unha importante presenza no rural, en zonas con dificultades para o seu desenvolvemento, mesmo en zonas de montaña do interior. Por iso, o fomento da agroindustria é un factor clave para o desenvolvemento económico e a fixación de poboación no rural. Nese senso, cabe sinalar que un 86% das axudas aprobadas na convocatoria de 2020 se destinan a proxectos localizados en zonas de montaña ou con baixa densidade de poboación. Así mesmo, un 42% diríxense a proxectos promovidos por cooperativas.

Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020. Así, como balance desta actuación hai que indicar que -antes da convocatoria de 2020- se aprobaron nesta medida un total de 301 proxectos en Galicia, cun investimento subvencionable total de 232,75 millóns de euros e cun importe de axudas concedidas de 79,43 millóns.

Case un cento de empresas galegas beneficiáronse en 2020 de 26 M€ das axudas da Xunta...