jueves. 28.03.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir a oferta dun total de 14 empresas para a elaboración de dous novos estudos para reforzar as infraestruturas da Eurorrexión Galicia e Norte do Portugal

Trátase de dous contratos dirixidos a intensificar a capacidade loxística e a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión, que suman un investimento autonómico de máis de 178.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses e o obxectivo é realizalos ao longo de 2021.

A través destes contratos analizarase, por unha banda, a viabilidade de implantar unha rede de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas en Galicia-Norte. Doutra banda, estudaranse as necesidades prioritarias para a mellora das infraestruturas das comunicacións entre Galicia e o Norte de Portugal, como é a conexión de Portugal coa Plisan.

O DETALLE

Máis en detalle, 7 empresas, unha delas a través da unión temporal, presentaron un total de 6 ofertas para analizar a viabilidade da implantación dunha rede de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas na Eurorrexión. Estes traballos, licitados por un importe de 65.000 euros incluirán a análise da situación actual e a tendencia de evolución dos fluxos actuais de mercadorías entre Galicia e o Norte de Portugal.

O estudo tamén incidirá nas diferentes opcións para a implantación dunha rede de aparcadoiros para este tipo de vehículos, para completar o traballo cunha valoración e comparación das opcións estudadas e a selección e programación das recomendadas.

Pola súa banda, o contrato para o desenvolvemento do estudo global das necesidades prioritarias para a mellora das infraestruturas das comunicacións na Eurorrexión recibiu 5 ofertas de 7 empresas, xa que dúas se presentan como unión temporal de empresas.

Este segundo proxecto, licitado por algo máis de 114.000 euros, incidirá na análise da situación das infraestruturas de transporte, tanto de viaxeiros como de mercadorías, en todos os modos de transporte, incluíndo o realizado por estrada e por ferrocarril, así como o marítimo e aéreo. Analizará a situación actual e a tendencia de evolución dos fluxos actuais de viaxeiros e de mercadorías entre Galicia e o Norte de Portugal, así como as condicionantes de tipo xeográfico, ou socioeconómicos, técnicos, que inflúen na súa configuración e nas posibilidades de mellora.

Tamén, se estudarán as opcións de mellora das infraestruturas que conectan a Eurorrexión en todos os modos de transporte, así como das que permiten a intermodalidade entre eles: ampliación de capacidade, mellora técnica das infraestruturas existentes, creación de novas infraestruturas. Neste traballo, definirase a nivel de estudo Informativo, as actuacións derivadas do estudo de viabilidade e, en particular, da conexión con Portugal da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra - As Neves (Plisan).

Estas actuacións do departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse nos traballos que está a desenvolver no marco do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ‘Cologistics’.

O proxecto ‘Cologistics’ é un proxecto impulsado, principalmente, pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e polo Instituto Galego de Promoción Económica, que coa participación doutros socios, comparte o interese por impulsar e reforzar a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e está dotado cun orzamento total de 2,2 millóns de euros.

14 empresas queren elaborar dous novos estudos para reforzar as infraestruturas e a...