viernes. 29.03.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reivindicou hoxe o traballo realizado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para apoiar e impulsar as plásticas galegas que, indicou, se verá reforzado en 2021 nas contas do Goberno autonómico. Neste sentido, como explicou durante a reunión do Consello Asesor do CGAC, a institución duplicará o próximo ano o seu orzamento para a adquisición de obras de arte como unha medida económica de apoio ao sector.

“Na Xunta de Galicia temos claro que debemos seguir dando continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos meses para seguir dinamizando os sectores vinculados coa cultura en todas as manifestacións”, expresou o conselleiro, que presidiu por videoconferencia a reunión acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Por iso, o Goberno dará continuidade en 2021 a este apoio duplicando a partida para compra de arte e incluíndo, ademais, expresamente unha partida para a elaboración dos proxectos das futuras sedes do CGAC en Vigo e Lugo.

O conselleiro referiuse así á nova colección do CGAC-Xacobeo pola que o CGAC mercou este ano 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos, dentro do programa de adquisición pública de obra de arte por 200.000 euros que estaba incluída no Plan. Trátase dunha acción que permiten fortalecer o vínculo entre o CGAC e o Xacobeo, poñendo o foco sobre a arte galega cunha continuidade no tempo que o proxecta cara os futuros anos santos, ao tempo que se integra a artistas galegos que ou ben non estaban presentes ou non suficientemente representados.

Román Rodríguez recordou tamén que o Goberno autonómico vén reforzando nos últimos meses o seu apoio ás artes plásticas no marco do Plan de Reactivación do sector cultural para, entre outros aspectos, promover e difundir novos valores artísticos e propiciar a asistencia destes profesionais a feiras e eventos.

O CGAC duplicará en 2021 o seu orzamento para apoiar ao sector das artes plásticas