jueves. 25.04.2024

A cidade de Lugo acollerá durante os días 12 e 13 de decembro o Internacional Creative Jam Idea X21 Xacobeo é Camiño, no marco da programación do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. O encontro, organizado por Vida Láctea e dirixido á mocidade xacobea, celebrarase presencialmente e poderase tamén seguir en liña.

Xuventude é Camiño é un proxecto de promoción do xacobeo e de dinamización da lingua na mocidade que poñemos en marcha desde o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 para darlles voz e opinión, reflexionar e facer partícipes aos mozos e mozas arredor do Camiño de Santiago e do seu significado, do seu valor de galeguidade asociada á lingua e á cultura de noso”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, defendeu a necesidade de crear espazos de educación non formal, ocio formativo e educativo para a mocidade no contexto actual; co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias e ideas de cara a que se convertan en proxectos de éxito.

Na presentación participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o responsable da empresa xestora do proxecto, Vida Láctea, Xosé L. Garza.

ARREDOR DA XUVENTUDE E O CAMIÑO

A Creative Jam internacional Xuventude é Camiño é un encontro dirixido á mocidade xacobea coa finalidade de darlle a mozos e mozas, de entre 16 a 30 anos, a oportunidade de ser creativos e creativas e de construír prototipos arredor da temática xacobea a través de obradoiros e dun hackathon. Imaxinar un novo Camiño, facelo sustentable, construír comunidades creativas arredor del, analizar os conceptos de ruralidade e sustentabilidade ou reflexionar arredor da cultura dixital e da educación son algunhas das propostas que desenvolverán catorce especialistas ao longo de dous días.

O evento, que se celebrará presencialmente no Lug Open Factory, tamén se poderá seguir na súa modalidade en liña. A inscrición xa está aberta.

REPOSITORIO

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ao que pertence Internacional Creative Jam Idea X21 Xacobeo é Camiño, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Encontro internacional 'Xuventude é Camiño'