jueves. 25.04.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no salón de actos do Pazo de San Roque na presentación de Camiñantes do noso, unha miniserie documental xurdida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia que pon en valor a visión dos anciáns sobre o Camiño de Santiago.

Como explicou Valentín García, Camiñantes do noso “ten o acerto de poñer en valor o papel da xeración dos nosos anciáns e anciás na creación da Galicia presente e futura, en destacar todo o que nos transmitiron”, indicou. Fixo especial fincapé no papel que a lingua e identidade galegas teñen nesta produción audiovisual e en poñer ás antigas xeracións como modelo, “porque as xeracións máis novas temos a responsabilidade de recoller ese legado e entregarllo aos que veñen atrás nosa”. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación Rubén Riós, protagonista, autor e produtor do proxecto.

Camiñantes do noso, produción de Claqueta Coqueta é unha miniserie documental de 10 capítulos no que o autor percorre as 10 etapas da Vía da Prata que separan A Canda de Santiago de Compostela. Neste percorrido, vai buscando a maxia da mirada dos anciáns e anciás das poboacións polas que pasa para destacar así a vontade, as ensinanzas, as tradicións e os recordos deste sector da poboación tan castigado pola pandemia da covid-19. Os testemuños destas persoas xiran en cada programa arredor dun tema, como o Camiño de Santiago, o abandono rural, a soidade, a actual crise sanitaria, a familia, o orgullo galego, a violencia de xénero ou o emprendemento empresarial. A través da visión dos anciáns e anciás, ponse en valor a identidade galega que se foi creando arredor da cultura e da lingua que eles nos transmitiron.

Os 10 capítulos de Camiñantes do noso iranse publicando semanalmente a partir do vindeiro venres, e ata o 5 de febreiro de 2021, no Portal da Lingua Galega, onde xa se pode ver un adianto da miniserie documental.

PROXECTOS

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ao que pertence Camiñantes do noso, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

‘Camiñantes do noso’, pon en valor a visión dos anciáns sobre o Camiño de Santiago