jueves. 25.04.2024

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de completar no Parque Natural de Corrubedo dúas actuacións orientadas a poñer en valor algúns dos seus espazos máis coñecidos e transitados. Concretamente, trátase do acondicionamento da chamada ruta Camiño da Praia, un contrato que foi adxudicado o pasado mes de setembro por 7.631,54 euros, e do servizo para a rexeneración dunha zona afectada polos incendios forestais de 2016 no Monte do Vilar, por un importe de 1.343,10 euros.

Ambas actuacións, impulsadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, mobilizaron un investimento na zona de case 9.000 euros e contan con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

No caso da ruta Camiño da Praia, executáronse diversas actuacións de mellora e posta en valor nesta senda, uns traballos contemplados na planificación de actuacións para o período 2020-2030 no Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, dentro do programa de uso público.

Concretamente, levouse a cabo o acondicionamento da fonte de Pipín, executando un acceso empedrado desde a pasarela que evite que os visitantes se acheguen ata a fonte campo a través. Así mesmo, acondicionouse tamén a mina de volframio mediante a posta a punto dunha senda de terra de 50 metros entre o camiño principal e o lateral da trincheira máis próximo ao mar, onde, ademais, o terreo forma un miradoiro natural sobre o parque; e procedeuse á instalación dunha mesa panorámica sobre soporte metálico que inclúe unha imaxe da zona na que se identifiquen os principais accidentes xeomorfolóxicos.

Polo que respecta á outra actuación, os traballos consistiron na colocación de carteis informativos sobre os labores de rexeneración realizados nunha zona de piñeiral, moi próxima ao centro de recepción de visitantes e propiedade da comunidade de montes de Vilar, que resultara afectada polos incendios ocorridos en agosto de 2016. Alén disto, reforzaranse os traballos de recuperación xa acometidos coa plantación en puntos concretos de pés de sobreira e de carballo

Acondicionamento da ruta Camiño da Praia no parque de Corrubedo