jueves. 18.04.2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebra dende mañá e ata o vindeiro luns 30 de novembro unha xornada técnica virtual sobre as características e as distintas tecnoloxías de elaboración de iogures. A acción está organizada pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Lugo, en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Así, os asistentes á iniciativa coñecerán os tipos de leites fermentados, analizando as bacterias e probióticos que os compoñen, así como o valor nutritivo que teñen os iogures. Doutra banda, explicaranse as distintas fases de elaboración deste produto lácteo e solventaranse os erros máis frecuentes ao fabricar os iogures.

O contido desta acción formativa inclúe vídeos explicativos da tecnoloxía de elaboración do iogur. Ademais, en cada tema haberá un foro habilitado para que os participantes poidan dirixirse aos técnicos da Consellería en caso de ter algunha dúbida ou necesitar máis información.

Os asistentes serán, principalmente, agricultores en activo ou con producións que busquen orientación comercial, así como traballadores de explotacións agrarias, empresas de servizos agrarios ou da industria transformadora. Esta xornada técnica tamén será de utilidade para as persoas con solicitude de incorporación ou con solicitude ás axudas á pequena explotación, aquelas que teñan expectativas de incorporación ao sector primario ou á industria transformadora e estudantes de formación profesional, graos ou mestrados vinculados coa tecnoloxía e procesamento dos alimentos, nutrición, innovación, etc.

PLAN

Esta acción está integrada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2020, que ten como principal obxectivo o de impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Xornada virtual sobre as características e técnicas de elaboración de iogures