viernes. 29.03.2024

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este luns no polígono de Valadares VigoMask, a nova liña de produto que están a desenvolver en conxunto as firmas téxtiles viguesas Borda y Más e Lineaparami do Grupo Belty.

Así, durante a visita a representante autonómica tivo a oportunidade de coñecer xunto ás responsables desta iniciativa, Raquel Pérez Otero (Grupo Belty) e Pilar Alonso Iglesias (Borda y Más), o proceso de produción das máscaras desbotables, de tres capas, hixiénicas e non reutilizables, que veñen de lanzar para facer fronte a crise sanitaria actual.

Neste senso, Fernández-Tapias, quen puxo en valor a capacidade de reinvención das empresas da área de Vigo con proxectos como o de VigoMask, aproveitou a conxuntura para animar a empresas e cidadáns a apoiar a produción local.

Este proxecto, liderado a partes iguais por ambas as dúas empresas contou co apoio do Igape a través da liña de axudas para proxectos de reorganización produtiva para a fabricación de equipamento sanitario.

A delegada territorial interesouse así pola capacidade de fabricación de 30.000 unidades diarias. Un produto de alta filtración, certificado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, e que comezou a tramitación para o seu recoñecemento como cirúrxico.
 

VigoMask, unha empresa da área de Vigo que se reinventa