sábado. 20.04.2024

O Concello do Porriño acadou a aprobación pola Unión Europea dun proxecto sobre mocedade e cambio climático no abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocedade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000€.

O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos. 

O vindeiro xoves 19 “haberá unha primeira reunión telemática dos socios do proxecto que suporá o comezo das actividades que se desenvolverán durante 24 meses”, informou Moure Varela que ponderou que “se trata do primeiro proxecto formativo presentado e promovido polo Concello do Porriño que acada financiación europea”.

A concelleira celebrou unha reunión de traballo preparatoria con asistencia da alcaldesa, Eva García; de Noelia de la Fuente, responsable da OMIX e do profesor Amador Ordóñez, coordinador de proxectos internacionais e docente do IES Ribeira do Louro.

Xunto co Concello participarán as ong’s ASPEA (Asociación Portuguesa de Protección Ambiental) e a mozambiqueña ASEJANA (Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula). Tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro en representación da Consellería de Ediucación da Xunta de Galicia e finalmente a Universidade de Cabo Verde.  Finalmente serán invitadas a participar asociacións culturais e veciñais e organizacións empresariais e sectoriais. 

O proxecto denominado “EYFEC” (siglas en inglés de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”) ten como obxectivo empoderar á mocedade e ás institucións públicas e ás ong’s como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxetivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica provocada pola pandemia sanitaria.

O Porriño xunto con Portugal, Cabo Verde e Mozambique forma sobre o cambio climático