jueves. 25.04.2024

Non hai virus que pare as gañas de aprender dos e das cativas de Ponteareas e por iso a Concellaría de Ensino, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, retomou a terapia asistida con cans para o alumnado do CEIP Mestre Ramiro Sabell readaptándose para cumprir coas normativas sanitarias e de seguridade fronte á COVID-19.

Sesións individuais repartidas en varios días e dirixidas a todo o alumnado NEAE deste centro público fan posible que a inclusión e a igualdade estea cada día máis preto.

Esta terapia daba os seus primeiros pasos no curso escolar 2018-2019 da man da concellería de Ensino incorporándose no curriculum do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera destinada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

Eco e Uma traballan co alumnado NEAE de infantil e primaria de xeito interdisciplinar interactuando en cada sesión os expertos cánidos, os técnicos en IAP (Investigación de Acción Participativa) e a mestra/e de pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe.  Cada sesión é previamente estudada e deseñada co profesorado do centro para acadar os obxectivos programados.

En contínua mellora, e sempre desenvolvendo un traballo en equipo, a concellaría, o centro escolar, a ANPA e as profesionais deste método agardan poder volver a traballar coas aulas de referencia destes alumnos.

“É imprescindible que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades e atopemos apoios para resolver as nosas necesidades pero para iso temos que formar unha sociedade solidaria, sensible coa diversidade e a riqueza das diferenzas que fan que cada persoa teña algo importante que aportar”, explica Cristina Fernández.

A terapia asistida con cans axuda ao alumnado NEAE pero tamén ao resto do alumnado. Julia e Eugenia Correa explican os beneficios que reporta para toda a comunidade educativa e os avances que se acadan “maior motivación, atención e concentración na súa contorna inmediata, melloran en actividades como a da lectura, o traballo en equipo e incrementa a capacidade para seguir instrucións, ademais de reducir a impulsividade e a agresividade tamén mellora a autoestima, a autodisciplina e o autocontrol”.

Actuando dende o plano emocional, as irmás Correa comezan o seu traballo dúas horas antes de chegar ao centro escolar preparando aos seus compañeiros caninos para que xa na aula estean ao 100%.

A terapia asistida con cans beneficia ao alumnado NEAE