jueves. 25.04.2024

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe unha reunión de traballo cos centros comerciais abertos e as asociacións de praceiros da cidade, no que salientaron o papel destas entidades na modernización e a dinamización do comercio de proximidade e escoitaron as súas propostas e inquedanzas para seguir colaborando neste eido na actual situación económica.

A través do programa para impulsar o labor destas asociacións, a Xunta apoia este ano un total de sete centros comerciais abertos vigueses (As Travesas, O Calvario, Zona Príncipe, Teis e Pau de Navia, ademais dos centros comerciais abertos Torrecedeira e Zona Náutica, que se suman a esta iniciativa por primeira vez), e cinco asociacións de praceiros dos mercados do Calvario, Progreso, Teis, Travesas e a praza de abastos do Berbés. En total, estas entidades reciben apoios por máis de 230.000 euros cos que se mobilizarán investimentos por máis de 350.000 euros, permitindo así a posta en marcha de diferentes actuacións e campañas ao longo de todo o ano, ademais de novos servizos para os clientes. Por outra banda, 80 comerciantes, artesáns e entidades da cidade realizan actuacións de dixitalización, modernización de locais e iniciativas de ecoinnovación, con axudas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación por preto de 300.000 euros.

Ademais destes programas específicos para o sector, que suman máis de 500.000 euros de axuda e unha mobilización de investimentos por máis de 800.000 euros, os comerciantes vigueses tamén puideron acceder ás liñas de créditos e microcréditos activadas pola Xunta para facilitar o financiamento de pemes e autónomos na actual situación, e a distintos programas como o ReActiva, para impulsar a posta en marcha de medidas de protección contra a covid-19; ou o Cheque Dixital e o Galicia Exporta Dixital, activados polo Igape.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, que previamente visitou xunto coa delegada territorial diferentes establecementos do novo centro comercial aberto Zona Náutica, resaltou o servizo que están a ofrecer na actual crise sanitaria os establecementos de proximidade, apostando por un comercio seguro, e animou aos consumidores a apostar por estes negocios que contribúen a crear emprego e riqueza nos barrio vigueses.

500.000 euros a modernización e a dinamización do comercio de proximidade vigués