jueves. 28.03.2024

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu conta hoxe das obras de renovación dos parques infantís que está acometendo o Concello, tanto no núcleo urbano como nas parroquias. En varios parques os traballos consisten na renovación total como na Praza Maior ou na área recreativa da Freixa, entre outros moitos.

Entre as obras xa acometidas e as previstas ata finais de ano, o investimento destinado á renovación total ou parcial dos parques infantís superará os 200.000 euros. Son obras de mellora dos xogos pero tamén de renovación do chan de seguridade nun total de 16 áreas infantís.

“As actuacións que estamos a realizar permitirán adecuar os espazos urbanos e rurais de xogos, con seguridade e facer máis atractivos os parques para os máis cativos” manifestou Xosé Represas.

Son obras financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial así como con fondos propios. Entre os parques nos que se renovaron os xogos, pero teñen pendente de executar nas vindeiras semanas o adecentamento do chan figuran, o parque das Pombas e o parque infantil do Conservatorio.

Pola súa parte, no rural tamén se continúa coa renovación dos parques infantís existentes, e despois da renovación completa dos parques de Guláns, xunto ao Centro Cultural da Avisoureira, e o da parroquia de Arcos, tamén xunto ao centro cultural, renovaronse os parques infantís de Guillade, Ribadetea, Angoares, Arnoso, Cumiar, unha nova instalación en Moreira e o parque situdado na contorna de Pardellas, entre outros.

Ponteareas renova os parques infantís na vila e nas parroquias