jueves. 25.04.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou de xeito virtual na inauguración do encontro Exporpymes 2020, onde destacou a aposta da Xunta pola internacionalización das pequenas e medianas empresas galegas para mellorar a súa competitividade e entrar en novos mercados ao tempo que salientou que esta é, precisamente, unha das claves do éxito das empresas do sector marítimo-pesqueiro, que son referentes a nivel mundial.

A titular de Mar subliñou durante a inauguración deste evento -organizado pola Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña e adaptado á situación derivada da alerta sanitaria polo coronavirus- que a busca de oportunidades no exterior é fundamental para o crecemento e a mellora da competitividade do tecido empresarial, algo que contribúe a que a economía galega gañe músculo. De feito, a representante do Executivo galego incidiu en que Galicia conta cunha posición afianzada nos mercados exteriores e unha capacidade exportadora consolidada pero tamén lembrou que é importante seguir avanzando neste eido apoiando ás empresas para que poidan afrontar as dificultades derivadas da crise económica e sanitaria actual pola covid-19.

A Xunta entende que é fundamental apoiar ás empresas nestes momentos e acompañalas no camiño da innovación e da competitividade para aumentar a súa capacidade exportadora pois a saída ao mercado exterior supón unha oportunidade para consolidar o seu negocio e aumentar as súas vendas.

Unha mirada cara ao exterior, considera o Executivo galego, que segue a ser necesaria en sectores plenamente internacionalizados como o marítimo-pesqueiro. Galicia ten presenza pesqueira en máis de 20 países, con buques de bandeira local, e conta con actividade transformadora e de comercialización en 30. Trátase dun tecido empresarial que eleva a actividade pesqueira galega a unha dimensión mundial e que se converte nunha importante polea da cadea mar-industria da comunidade.

De feito, Galicia exporta máis ca nunca no eido do mar coa venda a outros países en 2019 de máis de 2.200 millóns de euros en produtos pesqueiros, un 70% máis na última década, e superou a barreira das 600.000 toneladas exportadas de produtos do mar, un 27% máis. Esas melloras, sustentadas na creación de valor engadido, son as que levan á comunidade a ser a décima exportadora mundial de produtos da pesca por diante de países como Xapón ou Islandia e a estar presente en 121 países de todos os continentes.

A titular de Mar apostou, non obstante, por seguir con esta liña de traballo e salientou a importancia de eventos como Exporpymes para que as pequenas e medianas empresas establezan novas oportunidades de negocio, especialmente con mercados de difícil acceso como os emerxentes, e poidan pechar acordos ou incluso pedidos.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, tamén participou no evento e destacou que a importante capacidade exportadora das pemes galegas é un dos factores que poden contribuír a que Galicia saia antes da crise derivada da alerta sanitaria pola covid-19. Nese sentido, lembrou que a Xunta reforzou e redefiniu os programas de apoio á presenza exterior do tecido produtivo galego coa internacionalización dixital como eixo principal, no que se inclúe a liña de axudas Galicia Exporta Dixital.

EXPORPYMES

A VII edición deste evento celébrase entre hoxe e mañá de xeito virtual e nela participan importadores de 50 países que representan aos sectores da alimentación, bebidas, materiais de construción e maquinaria, que son os máis representativos da actividade exportadora galega. No caso da representación de Galicia, participan 70 empresas exportadoras da comunidade co obxectivo de buscar novas oportunidades de negocio, facer contactos e pechar pedidos.

Exporpymes 2020