viernes. 26.04.2024

A Xunta vén de resolver as axudas do programa Emega destinado a apoiar a posta en marcha e a reactivación de proxectos empresariais desenvolvidos por mulleres. Trátase de fomentar o emprendemento feminino e impulsar outras medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e servizos de asesoramento cos que facilitar a implantación e a consolidación de proxectos liderados por mulleres.

Coas axudas deste ano, a Administración autonómica apoia 197 iniciativas empresariais de mulleres, o que permite a creación ou mantemento de 324 postos de traballo. A resolución destas axudas publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O programa consolídase como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

A Consellería de Emprego e Igualdade destinou este ano 2.120.000 euros a esta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. O investimento inclúe a liña complementaria para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

Este ano, como novidade, reforzáronse as axudas da liña Activa, dirixida á reactivación e a consolidación de empresas a través de incentivos para a renovación, a ampliación ou o cambio de localización cos que paliar unha situación económica adversa, agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Con esta liña específica preténdese garantir a pervivencia das empresas no actual contexto derivado da pandemia. Por iso, se flexibilizaron os criterios de acceso sen que se requirira que o negocio tivera máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período.

Ademais da liña Activa, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, establecese a axuda complementaria ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

AXUDAS

A contía das axudas depende da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ oscilan entre os 8.000 e 20.000 euros; na ‘Innova’, entre 12.000 e 20.000 euros; na ‘Activa’, entre 6.000 a 15.000 euros; e na ‘ITEF’, entre 16.000 e 40.000 euros.

No caso das axudas complementarias da liña ‘Concilia’, os incentivos son de 3.000 euros por empresa na modalidade Concilia-promotoras e dun máximo de 5.000 euros na de Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

324 postos de traballo femininos a través do Plan Emega