sábado. 20.04.2024

 A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Consello Social da USC que preside Cecilia Sierra, puxo en marcha a principios de ano o programa de micromecenado 'Sumo Valor'. O propósito desta iniciativa é implicar a empresas, persoas e outras entidades nas actividades, proxectos e servizos cos que a institución quere demostrar a súa permanente apertura á sociedade. O Consello Social da USC busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.

Na actualidade a captación de fondos do programa rolda os 100.000 €, entre os que destaca unha recente doazón de 6.000 € por parte do Grupo Compostela de Universidades. A firma santiaguesa Urovesa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ames, Alumni USC e o Parque Náutico de Castrelo de Miño (Ourense) son outras entidades que figuran entre os doadores.

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

As liñas de investigación sobre a COVID-19, ás que se destinaron 60.000 €, versan sobre o desenvolvemento de vacinas, eido no que están a traballar os equipos de Javier Montenegro, José Martínez Costas e María José Alonso no CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares- e no CiMUS -Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas-; a predición dinámica de escenarios de afectación do virus, no que traballa Jorge Mira desde a Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT); a xeración de cartografías de risco nos espazos urbanos e rurais de Galicia, proxecto liderado polo profesor Ángel Miramontes no Idega   -Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia-; xunto á vixiancia e detección do SARS-COV-2 en augas residuais, no que se centran os equipos de Jesús Romalde e Juan Lema, os dous a través do CRETUS, a Agrupación multidisciplinar no campo das Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago.

O vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC, Gumersindo Feijóo, recoñece que a curto prazo son “imprescindibles” os aspectos sanitarios, pero a medio prazo son a investigación e a innovación “os elementos que permiten progresar e fortalecer as capacidades de resiliencia” da sociedade. “Nesta liña –engade Feijóo– a Universidade xoga un papel preponderante, xa que posúe os recursos humanos necesarios para ser o motor da sociedade do coñecemento”.

O Consello Social da USC respalda este programa de microcemenado e a súa difusión. “Cómpre facer todos os esforzos posibles para enlazar a nosa Universidade co seu contorno, creando pontes firmes e dinámicas en todos os ámbitos. E, particularmente, facer visible socialmente a nosa investigación, que é punteira en diversas áreas do coñecemento, é un desafío que urxe, polo que estamos dispostos a afrontalo”, segundo indica a presidenta do organismo, Cecilia Sierra.

O programa 'Sumo valor' da USC destina 60.0000 euros a investigacións sobre a Covid-19