jueves. 25.04.2024

A triatleta Aida Valiño, flamante fichaxe do novo equipo ciclista porriñés 'Louriña Cycling Team', produto da fusión entre 'Máster da Louriña' e A.D. Avanza', proclamouse campioa galega de contra reloxo individual 2020, na categoría elite. Cun crono de 19:36, Aida amosou a súa calidade. Hai que ter en conta que volveu á competición xa que estivo alonxada do ciclismo nestes últimos anos despois da súa maternidade e de sufrir dous accidentes de tráfico cando adestraba.

Na mesma categoría, a porriñesa 'Chus' Barros, do 'Spol C.C.' foi subcampioa de Galicia cun tempo de 21:09.

A proba disputouse sobre un circuíto de 13 quilómetros na vila termal de Baños de Molgas, con saída e meta no Santuario dos Milagres.

No que atinxe á categoría elite masculina, o ciclista Roberto Mediero, do 'Louriña Cycling Team', foi medalla de bronce, a 1:13 do gañador, Samuel Blanco. Por outra banda, Gustavo Rodríguez, (Louriña Cycling Team) que partía como favorito ao título, rematou cuarto a consecuencia dun pinchado que rebaixou as súas posibilidades.

Na categoría cadete masculino, Roberto Pereira (A.D. Avanza), foi terceiro. Parou o crono en 21:00, a 19" do gañador.

Finalmente, en categoría Máster 40 masculina, Carlos Iván Vidal de Sa (Louriña Cycling Team) foi medalla de prata e na categoría Máster 40 feminina, Mónica Alarcón (Louriña Cycling Team) foi medalla de bronce. 

Valiño, campioa galega de contra reloxo individual