viernes. 19.04.2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza ao longo deste mes de outubro diversas xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito. A iniciativa, na que tamén participa o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos.

Así, nas xornadas os asistentes aprenderán a planificar as súas plantacións, coñecendo as distintas variedades, polinizadores ou condicións do solo, así como consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Tamén se lles falará de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas.

Polo de agora, xa se levaron a cabo tres sesións nos concellos lucenses de Samos e Bóveda e no ourensán de Vilardevós. O resto teñen previsto celebrarse a partir do 20 de outubro nos seguintes municipios:

DATACONCELLOHORARIO
20.10.2020O Bolo (Ourense)17,00 h – 21,00 h
23.10.2020Folgoso do Courel (Lugo)10,00 h – 14,00 h
26.10.2020Lalín (Pontevedra)11,00 h – 15,00 h
27.10.2020Palas de Rei (Lugo)17,00 h – 21,00 h
28.10.2020Chantada (Lugo)10,00 h – 14,00 h
30.10.2020Mondariz (Pontevedra)18,00 h – 22,00 h

A Xunta aposta pola formación neste sector, dado que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. Todos os interesados que desexen participar nestas xornadas formativas deberán remitir un correo electrónico ao enderezo de [email protected].

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito