martes. 16.04.2024

Hoxe tivo lugar a apertura da programación municipal de actividades previas á saída dunha etapa de La Vuelta Ciclista a España 2020 desde o Pazo de Mos o 5 de novembro cunha charla ofrecida por ciclistas de recoñecido prestixio internacional entre os que se atopou o mosense Óscar Pereiro, gañador dun Tour de Francia, e embaixador de La Vuelta.

O acto consistiu nunha ‘MasterClass Ciclista’, celebrada esta tarde no Multiusos das Pozas a cargo de Óscar Pereiro e Álvaro Pino de xeito presencial, e Joaquín Rodríguez “Purito” e Javier Mínguez de xeito dixital, por videoconferencia.

A charla retransmitiuse en directo vía streaming e contou con asistentes presenciais entre o público que se achegou ata o auditorio do Multiusos, e que estivo integrado fundamentalmente por membros de clubes ciclistas e afecionados a este deporte de Mos e comarca; así como con numerosos espectadores on line que a seguiron en directo desde as páxinas web oficiais do Concello de Mos e La Vuelta a través das ligazóns https://www.mos.es/directo/ e https://www.lavuelta.es/es/noticias/2020/masterclass-ciclista-auditorio-as-pozas-mos

Esta masterclass, que contou na súa versión presencial con todos os protocolos e medidas preventivas anti COVID-19, forma parte do programa deseñado e consensuado pola Mesa de La Vuelta do Concello de Mos con motivo da etapa que sairá desde o Pazo e que inclúe iniciativas de diversa índole relacionadas co eido musical, artístico, educativo, cultural e deportivo do municipio mosense.

Mos será a única localidade da provincia de Pontevedra na que haberá unha etapa de saída de La Vuelta este ano 2020. Nestes momentos, máis que nunca é preciso ilusionar a poboación e seguindo rigorosamente os protocolos anti Covid-19, celebrar actividades adaptadas á situación actual coa colaboración das institucións e de toda a veciñanza, para conmemorar esta etapa exclusiva que pasará por Mos.

‘MasterClass Ciclista’ de Pereiro