martes. 23.04.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión coa directiva de Asime para avaliar a situación actual do sector industrial galego, especialmente do naval, e estudar novas posibles vías de colaboración e impulso da economía galega. Conde trasladou a Asime o compromiso da Xunta coa actividade naval que é sinónimo de innovación e calidade e explicou que desde o Goberno galego se seguirá traballando na mesma liña, apostando pola innovación, a formación e o financiamento para apoiar esta importante industria.

Así, o Goberno galego promove a innovación no sector a través de programas como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación tratando de avanzar en proxectos como o Estaleiro 4.0 ou na mellora de procesos e produtos. No eido formativo, existe un programa de formación á carta que mellorou a cualificación de 5000 profesionais entre 2017 e 2019 e que desde 2020 a 2022 prevé beneficiar a outros tantos alumnos. En canto ao financiamento, as liñas de préstamos postas en marcha xa permitiron apoiar 22 empresas. En total, a Xunta leva investido máis de 50M€ nos últimos anos no sector naval.

Na reunión tamén se abordou a necesidade de atopar novas oportunidades a través da diversificación do sector co obxectivo de manter o liderado desta industria que consolida Galicia como a segunda maior carteira de pedidos de Europa. Conde amosou, ademais, a súa confianza no importante papel que este sector pode desenvolver na recuperación económica.

Durante o encontro tamén se tratou a situación de Alcoa e de aspectos como a transformación dixital e a transición enerxética, que serán eixes clave da actividade económica de Galicia. Así mesmo, desde Asime reiteraron o seu compromiso de seguir cooperando coa Xunta de cara a superar as consecuencias provocadas pola covid-19 no tecido industrial galego, explorando posibles colaboracións público-privadas para impulsar áreas como a aeronáutica, o naval ou a automoción. Finalmente, Xunta e Asime abordaron as liñas de colaboración para desenvolver a nova edición da feira Mindtech prevista para xuño de 2021.

O sector do metal galego