viernes. 19.04.2024

O Concello de Ponteareas, continúa coas actuacións para potenciar os bens de interese cultural polos seus valores e como recursos turísticos. Neste sentido veñen de realizarse actuacións de mellora e sinalización interpretativa de seis importantes elementos do patrimonio cutural. Esta iniciativa contou co apoio da Deputación de Pontevedra a través das axudas para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e tivo un custe total de 13.833 €. 

Co obxectivo de difundir a nosa riqueza e de achegar á veciñanza e aos visitantes información que contribúa a un maior coñecemento do noso patrimonio, o Concello executou este proxecto de dinamización informativa en lingua galega con opción de dispor tamén da mesma en castelán e en inglés a través dunha ferramenta informática innovadora que permite xeolocalizar e contextualizar os bens culturais máis sobranceiros do concello.

A Concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, destaca que con esta intervención refórzase a información turística que se achega aos visitantes e explica que “unha aplicación móbil a través dun código Bidi trasládanos á igrexa parroquial de Santa María de Areas ou á de Santa Mariña de Pías, Santo Estevo de Cumiar, San Pedro de Angoares ou Ponte de San Roque e Ponte Vella dos Remedios, ademais de coñecer a orixe da Ponte das Partidas”.

Con esta iniciativa o goberno aposta, unha vez máis, pola dinamización do medio rural que ofrece novos atractivos á vez que se potencia unha maior sensibilización hacia o coidado e preservación dos recursos e do medio natural e cultural. Ademais, a recuperación do patrimonio cultural e turístico é un dos sectores que se promoven fornecendo este tipo de oportunidade laboral.

Proxecto de dinamización informativa ponteareán no rural