sábado. 20.04.2024

A xornalista, guionista e cineasta Paula Cons acaba de ser recoñecida co Premio Xacobeo outorgado no marco da XXV edición do Festival OUFF pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo polo seu traballo A Illa das Mentiras. Así o comunicaron hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente da Fundación Carlos Velo, Miguel Anxo Fernández, nunha rolda de prensa ofrecida para presentar este galardón dotado con 12.000 euros que se pon en marcha por primeira vez este ano co obxectivo de recoñecer a mellor produción galega do festival.

Durante o acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a profesionalidade, tesón e talento de Paula Cons. Neste sentido, destacou a “particular mirada da autora para achegarnos a unha historia sorprendente e pouco coñecida que merecía ser contada e que reflicte a esencia dunha sociedade e unha forma de vida na que as protagonistas exemplifican a fortaleza, a valentía e a dignidade de moitas mulleres galegas da época”.

A Illa das mentiras, da que tamén é guionista Luis Marías, é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons e conta cunha achega de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través das axudas á produción postas en marcha pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Ademais, este proxecto cinematográfico chega a Ourense despois despois de ter a súa estrea mundial en Shanghai e pasar polo Festival de San Sebastián.

DESDE 2004

Paula Cons é produtora executiva e directora de contido para Agallas Films. No 2004 entrou na ficción despois de gañar o Concurso de guións Camiño do Xacobeo con Ideas peregrinas, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV. Ademais, tamén desenvolveu unha película de televisión, Eduardo Barreiros, o Henry Ford español e a película Lobos sucios, que inaugurou o OUFF no 2015, e da que Paula Cons foi co-escritora, directora de contidos e produtora executiva.

No 2017 presenta a longametraxe documental A batalla descoñecida como guionista, directora e produtora executiva e en 2018 dirixiu con Agallas Films o docudrama O caso de Diana Quer, 500 días.

Paula Cons recibe o Premio Xacobeo do Festival OUFF polo filme 'A illa das mentiras'