jueves. 25.04.2024

Responsables de Amtega e  IESIDE presentaron esta mañá o Programa formativo 'AceleraTech, impulsando a transición dixital', que comezará en outubro. É unha iniciativa formativa que ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio.

No encontro de hoxe o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio «Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios».

PROGRAMA ESPECÍFICO PARA PERSOAL DIRECTIVO

O programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias e propietarios de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar nelas unha transformación tecnolóxica real.

As prazas para participar no programa AceleraTech son limitadas e as persoas interesadas poderán preinscribirse na seguinte ligazón ata o día 1 de outubro: Inscrición Aceleratech 2020. De entre as solicitudes recibidas, a Amtega seleccionará a 25 directivos para  asistir ás sesións formativas.

SESIÓNS FORMATIVAS DO ACELERATECH

O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:

•          A competencia na era dos negocios dixitais

•          Big data, data science e intelixencia artificial

•          Internet of the things e 5Gg

•          Blockchain

•          Ciberseguridade

•          Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®

Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional,  INCIBE e  CCN  para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.

O programa AceleraTech facilita a inmersión tecnolóxica das PEMES