viernes. 29.03.2024

O festival Cantos na Maré inicia unha nova etapa en Santiago de Compostela renomeado como Maré-Músicas e Artes Atlánticas, cun formato que engadirá foros profesionais e de emprendemento cultural, citas audiovisuais e gastronomía aos concertos de artistas vencellados cos territorios de fala galego-portuguesa, seña de identidade do evento.

A produtora galega Nordesía, organizadora do Maré, adiantou hoxe todos os contidos do encontro nun acto celebrado no Hotel NH Collection, onde terán lugar a maior parte das actividades do festival entre o 24 e o 26 de setembro. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, participou nesta presentación, na que expresou que o apoio aos festivais de música, como importantes motores culturais e económicos, é un obxectivo prioritario da Xunta de Galicia.

Sutil explicou que o novo Maré está integrado na marca FEST Galicia xunto a outros 12 eventos que contan este ano cun patrocinio especial do Goberno galego, e recoñeceulles aos promotores do festival a súa capacidade de adaptación e de seguir evolucionando cara a novas fórmulas para se constituír nunha cita obrigada para público e profesionais, sen perder a fidelidade ao seu espírito de irmandade coa lusofonía a través da lingua e da música compartidas.

MARÉFEST

O festival artículase este ano nas seccións MaréLab, un espazo de investigación para apoiar o crecemento da economía creativa; MaréNet, para situar Compostela como referencia do negocio das industrias culturais; CineMaré, cunha carteleira audiovisual procedente das culturas atlánticas; GastroMaré, un encontro entre cociñeiros e música para descubrir novos sabores e produtos; e MaréTV, o apartado audiovisual da plataforma de música Tolemias, desde a que se poderán seguir, ademais, moitas actividades do festival en streaming. Así mesmo, intégranse este ano a entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesa aRi[t]mar.

Baixo a dirección artística da cantante Uxía, a carteleira de concertos agrúpase baixo o epígrafe MaréFest, e pretende ser un foco de intercambio artístico e creativo, propoñendo a artistas e público ir máis alá da simple suma de actuacións. Todas as citas serán no Hotel NH. O 24 de setembro, Toty Sa’MED, A Pedreira e Pierre-Yves Rougier; o sábado 25 estarán LaBaq, Faia, Nacho Muñoz e Lar Legido; en tanto que o día 26 terá lugar a gala Cantos na Maré, coa participación de António Zambujo, Sabela, Miguel Araújo e Bifannah.

O Festival Maré