sábado. 20.04.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará ata o vindeiro 19 de setembro a mostra «Fóra de foco». Pódese visitar de luns a sábado en horario de 17.30 a 21.00 h. «Fóra de foco. Artistas foráneos na Colección Afundación», comisariada por Mercedes Rozas, é unha selección de 34 obras de artistas de fóra de Galicia como Daniel Canogar, Soledad Sevilla, José Manuel Broto, Susy Gómez, Chema Alvargonzález, Rita Magalhães ou Mersad Berber, incorporados á Colección de Arte Afundación pola súa sensibilidade, a beleza das súas obras e a potencia da súa linguaxe.

Tanto os accesos á Sede Afundación da Coruña como a circulación dentro do espazo expositivo foron adaptados á normativa fixada polas autoridades sanitarias. Así, ademais das pertinentes medidas hixiénicas e de capacidade de visitas, os recursos interactivos da mostra adaptáronse para mostrar o efecto visual, pero eliminando as aplicacións táctiles. Segue activo o módulo que, con tecnoloxía de intelixencia artificial, analiza a estética dalgunhas obras da mostra para convertelas nun algoritmo que reinterpreta o retrato dos visitantes seguindo o estilo das devanditas pezas e realiza unha fotografía que poden enviar ao correo electrónico, pero adaptouse para que os visitantes poidan utilizalo co seu propio teléfono móbil sen necesidade de compartir dispositivos.

A EXPOSICIÓN

A Colección de Arte de Afundación tivo, desde os seus inicios, unha clara vocación de impulsar o ámbito artístico galego, poñendo especial interese en explorar a diversidade de propostas estéticas, tanto de artistas consagrados como emerxentes. Pero toda colección esconde historias ocultas, relatos de obras custodiadas no silencio dos fondos que pacientemente se mantiveron fóra de foco. Neste caso son as creacións realizadas por artistas de fóra de Galicia, que se presentan agora, por primeira vez no seu conxunto, á mirada do espectador nunha exposición heteroxénea en nomes e linguaxes, con 34 obras que teñen en común o pertencer ao panorama actual da arte por estar cronoloxicamente enmarcadas entre os últimos anos do século XX e os primeiros do XXI.

A selección mostra obras de Mersad Berber, un dos artistas vivos máis buscados polos coleccionistas internacionais e con obra na Tate Gallery desde 1984; Soledad Sevilla, Premio Nacional de Artes Plásticas (1993) e Medalla de Ouro das Belas Artes (2007); Alberto Carneiro, considerado un dos escultores de maior proxección artística dentro e fóra do seu país, Portugal; Susy Gómez, elixida polo Ministerio de Asuntos Exteriores como representante da arte de vangarda durante a presidencia española da Unión Europea (2002); José Pedro Croft, un dos máximos representantes da renovación na escultura portuguesa; José Manuel Ciria, un dos artistas españois de maior proxección internacional; Chema Alvargonzález, Cruz Oficial da Orde do Mérito Civil (2013); Baltazar Torres, considerado pola crítica como un dos artistas internacionais máis destacados do panorama actual; Manolo Valdés, Premio Nacional de Artes Plásticas 1983 e Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1998); ou Daniel Canogar, un dos maiores artistas a nivel internacional no campo tecnolóxico, entre outros creadores.

Últimos días da mostra 'Fóra de foco', na Coruña