jueves. 25.04.2024

O Concello de Ponteareas publicou a licitación das obras de renovación da Casa Cultural da parroquia de Arnoso, consistentes na rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación, por un importe total de 115.192,00 euros.

“É un proxecto que responde á demanda dos veciños e veciñas de Arnoso, e na liña xa iniciada en 2015 de compromiso e colaboración coas Casas Culturais das parroquias”, manifestou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

As obras, que contan con financiación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, permiten unha mellor redistribución dos espazos para facelos máis versátiles e coas actuacións para a mellora da eficiancia enerxética, o edificio gañará en confortabilidade para a realización das actividades culturais e sociais da veciñanza de Arnoso.

O prazo para presentar as ofertas, a través dun concurso público aberto que garante a transparencia para a realización das obras por parte das empresas interesadas, está aberto ata o 24 de setembro ás 14 h.

Este edificio que naceu sendo unha escola pública, ten para os veciños e veciñas de Arnoso unha especial relevancia e tamén unha dimensión histórica,  social e emocional.

Con problemas de humidade e de distribución espacial, o proxecto de reforma conseguirá ofrecer tres espazos independentes e diferenciados pero que, á vez, poden ter continuidade (unha zona para o bar, outra para sala de reunións con baño adaptado a persoas con mobilidade reducida e unha sala multiusos con baño).

Respectando os valores estéticos e arquitectónicos das fachadas procederase á impermeabilización e illamento de solo, fachadas e tellado, construíndo unha canaleta exterior no chan en todo o perímetro para evitar a entrada de auga.

O porche pecharase para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións ao contar cunha porta que permite illalo do resto da estrutura. O almacén convertirase no baño adaptado ao que se pode acceder tanto dende calquera sala do interior como directamente do exterior e o bar contará con armarios como zona de almacenaxe organizada. Coa reforma o edificio contará con dúas entradas independentes e rampas de acceso.

A parroquia ponteareá de Arnoso remoza a súa Casa Cultural