sábado. 20.04.2024

A Consellería de Cultura e Turismo vén de adxudicar o contrato para acometer as actuacións precisas de conservación preventiva da Muralla, consistente na corta da flora vascular do conxunto dos panos. Suporá un investimento próximo aos 92.000 euros e terá un prazo de execución de catro meses e medio. Trátase dunha actuación adxudicada á empresa Resconsa, que dá continuidade aos traballos de conservación preventiva e limpeza realizados pola Xunta de Galicia, titular do monumento e responsable da súa xestión.

Cómpre lembrar que esta limpeza se efectúa harmonizando a conservación do patrimonio co respecto a natureza, e acometerase no momento óptimo desde un punto de vista ecolóxico e fitosanitario. Neste sentido, tal como se vén facendo, a retirada da vexetación dos paramentos comezará unha vez remate o período de nidificación das especies que habitan o ben. De feito, o contrato prevé a elaboración dun informe avaliativo sobre a presenza de cirrios, para os efectos de iniciar os traballos de poda cando xa non afecten a esta especie.

ECOLOXICA E SUSTENTABLE

Aínda que existe unha moratoria para a aplicación do glifosato como tratamento fitosanitario, a Consellería desbotou o uso deste herbicida para o control da flora vascular da Muralla. Por elo nos últimos anos, e no marco das actuacións de conservación, estanse desenvolvendo traballos de investigación coa finalidade de empregar produtos máis respectuosos co medio ambiente e que resulten igualmente eficaces para a correcta conservación dos lenzos.

O contrato tamén prevé que se executarán outros traballos de conservación en solados, fábricas e albardillas, e de restauración puntual de elementos como revocaduras ou varandas, que sofren o desgaste propio do intenso uso do monumento e factores como a climatoloxía, a contaminación ou os comportamentos vandálicos.

Cómpre lembrar que este ano concluíron as obras no cubo VII, á altura da porta do Bispo Odoario, nas que se investiron 273.000 euros, e se acometeron, entre os meses de xaneiro e abril, as obras de restauración do cubo XXXI, cun orzamento de 142.000 euros. Unhas actuacións que sumadas ás adxudicadas hoxe elevan a máis de 500.000 euros o investido na cerca romana pola administración autonómica.

Muralla de Lugo, obras de conservación por preto de 92.000€