sábado. 20.04.2024

O programa «Cubertos», impulsado por ABANCA e Afundación co obxectivo de garantir unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores en risco de pobreza ou exclusión social, cumpre o seu primeiro mes de actividade. Na cidade de Pontevedra, onde se desenvolve en colaboración co Concello, repartíronse 149 menús diarios, chegando a un total de 3422 durante o mes de xullo. Este programa púxose en marcha para apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise derivada da situación sanitaria actual, garantindo ás nenas e nenos que durante o período lectivo se benefician dunha bolsa comedor, unha alimentación saudable durante o verán.

Na cidade de Pontevedra habilitáronse 3 puntos de distribución nos que voluntarios de Afundación e ABANCA xestionan as entregas. Para eles e elas este programa supuxo «un achegamento á realidade de moitas familias que o están a pasar moi mal. Esta experiencia fainos reflexionar e ser conscientes do afortunados que somos algúns». En toda Galicia, este programa de apoio social conta coa implicación de 100 persoas do equipo da Obra Social de ABANCA e coa colaboración de 98 voluntarias e voluntarios tanto de ABANCA como de Afundación, quen se encarga de velar polo correcto funcionamento do programa, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo as familias.

VOLUNTARIADO SOCIAL

O programa «Cubertos» desenvólvese na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais.

Preto de 3.500 menús a menores en risco de exclusión social durante o mes de xullo en...