sábado. 20.04.2024

O ciclo da Xunta Danza 3 Xacobeo 2021 arranca este domingo en Mondariz coa actuación que O Fiadeiro ofrecerá ás 20,30 h. en Vilar. Será a primeira das 12 citas da nova edición deste programa de difusión da música e do baile tradicionais, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo e as tres agrupacións integrantes do colectivo XOC (Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos).

Cóntase , ademais, coa colaboración dos 12 concellos que acollen esta programación, con actuacións ata o mes de novembro e, na meirande parte dos casos, ao aire libre para exhibir a pé de rúa unha mostra do amplo repertorio tradicional galego: ademais de en Mondariz, en Arteixo, O Carballiño, O Grove, Malpica, Muros, Oleiros, Padrón, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadavia e Val do Dubra.

ACTUACIÓNS

Así, despois deste domingo, O Fiadeiro ofrecerá unha actuación musical o 16 de agosto en Soutomaior (21,30 h. na Alameda Talorio de Arcade) e outras dúas de danza tradicional o 25 de agosto en Sanxenxo (20,00 h. na praza dos Barcos) e o 13 de setembro en Ribadavia (20,00 h. no Auditorio Rubén García do Castelo).

Pola súa banda, a agrupación compostelá Cantigas e Agarimos estará co seu grupo de música tradicional o 22 de agosto en Val do Dubra (20,00 h. na Área Recreativa de Bembibre) e coa formación de baile o 23 de agosto no Grove (21,00 h. na praza do Corgo), o 18 de setembro no Carballiño (20,00 h. na praza da Veracruz) e o 13 de novembro en Padrón (20,00 h. no Auditorio Municipal).

En canto a Xacarandaina, viaxará desde A Coruña a Muros para ofrecer o 22 de agosto, ás 21,30 h., unha actuación musical na praza do Mercado. Ademais, levará a súa danza tradicional a Oleiros o 20 de setembro (12,30 h. no paseo marítimo de Santa Cristina), Arteixo o 17 de outubro (12,00 h. no Paseo Fluvial) e Malpica o 25 de outubro (20,00 h. na praza Anselno Villar Amigo).

Coa edición de 2020 de Danza 3, colabórase por oitavo ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

O Fiadeiro este domingo en Mondariz