martes. 16.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria 2020 do programa Principia a través do que a Xunta destina preto de 1,2 millóns de euros á contratación de 111 persoas en empresas e organismos de investigación. Impúlsase así a contratación de persoal mozo no sector público e privado e favorécese o desenvolvemento da súa carreira profesional.

Cunha inxección de fondos públicos de 1.171.000 euros favorécese a contratación de 111 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato. O 91% das persoas contratadas a través da edición deste programa serao por parte de empresas, mentres que o 9% restante incorporarase a organismos de investigación (universidades, centros tecnolóxicos, etc.). Respecto das empresas, o 50% son microempresas, o 41% pequenas ou medianas e un 9% grandes. Ademais, o 39% son empresas altamente tecnolóxicas ou innovadoras (isto é, dispoñen do selo peme innovadora ou son empresa de base tecnolóxica ou ambas).

Ademais, máis do 61% das contratacións apoiadas son de carácter indefinido e o salario medio dos empregados será de 21.711€ brutos/anuais, por riba do salario mínimo establecido na convocatoria que ascendía a 19.000€. O 47% dos novos contratados carecen de experiencia laboral previa, un dato que pon de relevo que esta convocatoria supón unha primeira oportunidade de emprego de calidade no ámbito da innovación. Asemade, o 75% das contratacións bonificadas levan aparellado un plan de formación para a persoa contratada e un 56% solicitaron o bono de formación de 1000 euros que ofrecía como novidade o programa nesta edición.

En canto á súa distribución por xénero, o 53% das persoas contratadas son homes, fronte ao 47% de mulleres. Por último, a maioría das entidades beneficiarias (55%) non obtiveron axudas anteriormente a través deste programa, de tal xeito que se amplía a base de entidades que contan con persoal dedicado a tarefas de I+D+i co apoio da Xunta de Galicia.

En total, a través das cinco edicións desta iniciativa pioneira lanzada en 2016, tense permitido a contratación de 553 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Principia enmárcase no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta de Galicia para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns. Talento 2021 tamén inclúe accións como o programa Talento Sénior, que ten permitido a contratación de 36 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos en tres edicións; Ignicia, que ten creado ou mantido máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado; Oportunius, centrado na atracción e retención de investigadores excelentes que ten contratado ata agora 3 gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC); ou as axudas aos investigadores para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral. En conxunto, a través destes programas, cúbrense todos os itinerarios laborais da innovación (desde a investigación pública á empresarial, nas modalidades júnior e sénior).
 

Contratación de 111 persoas para realizar tarefas de I+D+i