jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, agarda que o futuro Plan de Sustentabilidade Turística permita impulsar os valores da Ribeira Sacra como destino verde ligado á aposta polo medioambiente e a paisaxe cultural. Fíxoo tras manter un encontro con representantes do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra no que expuxo os detalles desta iniciativa, na que colaborarán a Xunta o Goberno centra e as entidades locais e que ten por obxectivo reactivar esta industria da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, ambiental e territorial.

Román Rodríguez detallou que Galicia se comprometeu a coordinar esta acción e remitirlle ao Ministerio as propostas formuladas polos destinos que opten a esta iniciativa, que se desenvolverá nun período de tres anos e contará cun orzamento de 3 millóns que achegarán o Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais beneficiarias. As entidades locais serán as encargadas de elaborar a proposta de actuación que posteriormente valorará a Secretaría de Estado de Turismo. Precisamente, Román Rodríguez explicou aos membros desta entidade os requisitos que deberá reunir o futuro Plan de Sustentabilidade e os criterios que se valorarán para a súa elección.

A iniciativa componse de dúas vertentes, unha centrada en destinos xa consolidados, caracterizados por recibir unha gran afluencia de xente e que busquen reorientar o seu modelo turístico cara outros máis intelixentes e sustentables, e outra vertente, na que se encadraría a Ribeira Sacra, focalizada en destinos rurais ou de interior que ten por obxectivo poñer en valor aspectos como o patrimonio cultural ou medioambiental ou crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades.

APOIO PATRIMONIO CULTURAL

Segundo Román Rodríguez, esta comarca cumpre con boa parte dos criterios específicos esixidos polo Goberno central para formar parte desta iniciativa ao tratarse dun territorio definido, que conforma unha marca turística diferenciada caracterizada pola súa paisaxe cultural, que encara a recta final para ser declarada Patrimonio da Humanidade no 2021. Precisamente, detallou que o feito de contar con espazos protexidos e recoñecidos pola UNESCO será un dos criterios que se terán en conta á hora de asignar os destinos que accedan ao Plan de Sustentabilidade Turística.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura e Turismo en funcións puxo de relevo o extenso patrimonio cultural que acolle a Ribeira Sacra, con exemplos como o Colexio do Cardeal, en Monforte, o Mosteiro de Santa María de Montederramo, o de Ferreira de Pantón, o de San Pedro de Rocas ou a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, entre outras, ademais de situarse no transcurso do Camiño de Inverno, o que incrementa o seu potencial turístico.

Entre as actuacións que se financiarán no marco deste programa destaca a creación de novos produtos, a sinalización de recursos, actuacións de embelecemento de cascos históricos ou a aplicación de novas tecnoloxías para o seguimento da demanda turística. Neste sentido, Román Rodríguez insistiu en que esta proposta suporía un impulso para a posta en valor da Ribeira Sacra e a proxección turística da comarca.

A Ribeira Sacra tamén agarda polo Plan de Sustentabilidade Turística