jueves. 25.04.2024

A próxima convocatoria do programa IACOBUS, de mobilidade académica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, prestará especial atención e outorgará unha valoración extra aos proxectos de investigación relacionados coa actual crise sanitaria derivada da covid-19. Na publicación da oitava edición do programa, prevista para finais de ano, tamén se estuda a posibilidade de incluír unha nova modalidade para fomentar o recoñecemento de patentes.

Debido a declaración o pasado marzo do estado de alarma en España e de emerxencia en Portugal como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus, os intercambios suspendéronse ata a reapertura da fronteira entre ambos países o 1 de xullo. Con motivo desta paralización a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acordou ampliar as estadías en universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos, que remataban o 30 de xuño, ata o vindeiro 31 de outubro.

Ademais, en coordinación cos centros participantes, flexibilizáronse algúns dos requisitos esixidos para adaptalos á situación actual. Deste xeito, admitiranse modalidades que combinen a actividade presencial e telemática para que o intercambio non teña que realizarse de forma continua e poida dividirse en dous ou tres períodos ata sumar o total solicitado.

O IACOBUS promove o intercambio e a cooperación transfronteiriza en investigación científica e tecnolóxica no ámbito universitario e dos centros tecnolóxicos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como a divulgación dos proxectos de innovación participantes. Desde a súa posta en marcha en 2014, a través deste programa recibiron apoio case un milleiro de iniciativas, cun financiamento global de máis dun millón de euros.

As estadías de investigación transfronteirizas realizadas nestes anos permitiron a publicación de 150 artigos científicos en revistas ou xornais especializados e outros 22 en páxinas web, ademais da posta en marcha de 220 liñas de traballo conxunto e a celebración de 80 xornadas e máis de 170 conferencias.

O programa está xestionado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT), en colaboración coa Xunta de Galicia, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e a Fundación CEER, e está cofinanciado polo Programa INTERREG VA.

IACOBUS PAPERS

A finais de ano tamén está prevista a publicación da terceira edición do IACOBUS papers, posta en marcha en co obxectivo de fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica, a través de axudas económicas á publicación de artigos -papers- en revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e Scopus para a área dás humanidades. Nas dúas edicións realizadas foron apoiadas 82 publicacións científicas cunha dotación total de 82.000 euros.

A convocatoria do programa IACOBUS centrarase na crisis sanitaria