A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, participou hoxe no acto de sinatura da addenda ao convenio para a execución dos accesos á estación intermodal de Vigo, xunto co alcalde da cidade e coa presidenta de Adif.

Tres administracións asignan un acordo para a execución dunhas obras de accesos á estación intermodal cun investimento de 20 millóns

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, solicitou hoxe ao Concello de Vigo e a Adif un esforzo de coordinación das obras que permita pór en servizo canto antes a estación intermodal e o Centro Vialia. Así o trasladou esta mañá, no acto de firma da addenda ao convenio entre as tres administracións para a execución dos accesos ao complexo de Urzaiz, no que tamén participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera.

Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade subliñou a importancia deste novo acordo institucional, que fará posible acometer unhas obras de gran relevancia para a cidade de Vigo. Trátase, dixo, dunha actuación que require un investimento de máis de 20 millóns de euros, que resulta imprescindible para avanzar e pór en servizo o complexo intermodal e comercial, que está chamado a “dinamizar a economía, o emprego, o turismo e a vida social desta gran cidade”. E, ademais, apuntou que suporá unha gran transformación urbana de todo o contorno, impulsando unha radical transformación urbana, achegando ordenación, fluidez de tráfico e humanización.

Ethel Vázquez lamentou as consecuencias do retraso na firma do acordo dos accesos da intermodal, tendo en conta que tanto a Xunta como o Concello de Vigo estaban en disposición de asinalo xa en febreiro. O tempo perdido impide xa cumprir o cronograma acordado para o remate das obras e posta en servizo tanto do Centro Vialia como da nova estación de autobuses, polo que considerou necesario realizar un novo esforzo que permita gañar tempo e acabar os traballos no menor tempo posible, e garantiu que ese será o obxectivo do Goberno galego nas súas obras.

Co acordo asinado hoxe, a Xunta volve demostrar, dixo a conselleira, o seu compromiso e implicación co proxecto da estación intermodal de Vigo e coa cidade. Lembrou que a Administración autonómica fixo viable ese proxecto ao aprobalo a través da lei autonómica que impediu o bloqueo de Vigo tras a anulación do PXOM, e que tras a sinatura desta addenda, o Goberno galego eleva a súa participación no financiamento dos accesos ata unha cantidade similar ao do Concello de Vigo para esta obra urbana.

Ethel Vázquez asegurou que a nova estación de autobuses que a Xunta constrúe na parcela de Urzaiz, xunto cos accesos, representa o maior investimento da Administración autonómica nas estacións intermodais galegas, 18 millóns de euros para executar unha terminal pola que pasarán 500 expedicións de autobús diarias e 2 millóns de pasaxeiros ao día.

A conselleira destacou a importancia de apostar polas obras públicas para dinamizar a economía e o emprego, así como para fortalecer a competitividade do territorio. Nese sentido, asegurou que as demandas de Galicia en relación coas actuacións ferroviarias seguen vivas e demandou “axilidade e información” sobre as obras do AVE, así como o impulso da Saída Sur de Vigo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada