sábado. 20.04.2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, visitou na mañá de hoxe as obras que se están a levar a cabo no Complexo Deportivo de Monterrei e que corresponden á primeira fase da actuación global que se ocupa da construción da zona deportiva.

A reforma do Complexo Deportivo de Monterrei contará cunha zona deportiva e unha zona acuática como dous partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xunta de Galicia e Deputación de Ourense. A pesar da pandemia provocada pola Covid-19, o Goberno galego continúa coa folla de roteiro marcado para a realización das obras e confía en cumprir con todos os prazos. A devandita zona deportiva albergará un pump track indoor para deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo. As obras da zona deportiva xa comezaron o pasado venres 3 cunha duración de 3 meses polo que poderán estar rematadas a principios do mes de outubro, para o inicio da tempada 2020-2021. A obra está adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. por un importe de 878.485,79 euros.

Segundo informou Lete Lasa, o proxecto da parte acuática estará adxudicado no último trimestre de 2020. Deste xeito, poderanse cumprir os prazos para cada unha das tres fases diferenciadas: a piscina familiar (zona 2 que estará finalizada en 2021), a piscina infantil (zona 3 que estará finalizada en 2022) e os tobogáns de adrenalina (zona 4 que estará finalizada en 2023). Durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas. O orzamento da parte acuática alcanzará os 8.809.566,35 euros.

A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do lecer familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta deportiva e, sobre todo, conseguir a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano.

50 ANOS

Tras a súa visita ao Complexo Deportivo de Monterrei, o secretario xeral, acompañado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez-Jácome, supervisou as obras de remodelación que se están a levar a cabo no Pavillón Polideportivo dos Remedios, iniciadas o pasado 15 de novembro e que son froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense. Esta actuación está financiada integramente polo Goberno galego e contará cunha duración aproximada de dez meses, polo que trabállase coa idea de que estean rematadas en setembro. A empresa Construccións Alea foi a adxudicataria do contrato cun orzamento de 1,9 millóns de euros. O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos.

O secretario xeral asegurou que estas obras “continúan a bo ritmo sen acumular practicamente ningún atraso, a pesares da situación actual”. Dentro da primeira fase das obras, a piques de ser rematada, levaranse a cabo as actuacións en piscina de 25 metros -demolición de bancada e accesibilidade a vestiarios- e a execución dun novo ximnasio na localización do actual, cunha nova planta alta en comunicación coa planta soto. Tamén se executará unha rampla para dar acceso adaptado á cafetería da planta alta e da bancada, así como a instalación dun novo ascensor que comunique as tres plantas. Cómpre destacar outros traballos para novas instalacións de fontanería, saneamento, climatización, contraincendios e electricidade, así como o peche da antiga escaleira de acceso ao soto situada no corredor central.

O proxecto a acometer, en verbas do secretario xeral, é “unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva e, sobre todo, unha aposta pola accesibilidade para as persoas con diversidade funcional e a sustentabilidade”. Deste xeito levarase a cabo a renovación da fachada principal e a fachada cara á Ponte Romana quedando o conxunto cun aspecto renovado e moderno; a modernización da entrada principal e todas as comunicacións á vez que se garante a accesibilidade de minusválidos a toda a instalación; o arranxo de toda a planta de soto con accesibilidade mediante un novo ascensor, a modernización de case 400 m² de vestiarios e aseos facendo que sexan accesibles a minusválidos; a construción dunha nova planta de 550 m² nunha zona de ximnasio onde se aloxará unha sala nova en planta baixa de usos múltiples e, en planta primeira, unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas, todo accesible mediante un ascensor; cambio do recubrimento de chans e paredes na piscina de 50 metros Rosario Dueñas e reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero; así como o aproveitaranse as augas termais para o atemperamento da climatización e para auga quente sanitaria.

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense despois de inaugurar o pasado 16 de decembro de 2018 a pista cuberta como unha instalación referente do atletismo nacional na que investiu máis de 3,5 millóns de euros.

Reforma dos Remedios e da zona deportiva de Monterrei