jueves. 25.04.2024

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo. O concerto terá lugar o xoves 30 na Praza da Quintana, ás 20.30 horas. Pola mañá, ás 12.00 horas, o público poderá asistir ao ensaio xeral. Tanto para o concerto como para o ensaio é preciso acceder con convite -xa están todos esgotados-, posto que o aforo redúcese a 400 persoas para poder manter as distancias de seguridade. Os asistentes deberán acudir con mascarilla.

O director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, será o encargado de dirixir a orquestra. Baixo o título “Feliz aniversario, Beethoven!”, a Real Filharmonía de Galicia renderalle unha homenaxe ao compositor no 250º aniversario do seu nacemento. Ao escenario subirase tamén a actriz galega María Vázquez, que presentará o concerto, enlazando a música de Beethoven cun percorrido pola súa azarosa vida.

A orquestra fará unha escolma de todas as sinfonías de Beethoven, o xenio romántico que revolucionou a historia da música occidental, e tamén soará unha parte do ballet As criaturas de Prometeo.

ODA Á ALEGRÍA

A Novena Sinfonía é a derradeira obra sinfónica do compositor, unha das obras máis transcendentais e populares da música e da arte. O seu último movemento, que é precisamente o que soará no concerto da Real Filharmonía de Galicia na Praza da Quintana, é un final coral moi inusual na súa época, convertido en símbolo da liberdade. Inclúe a Oda á Alegría, poema escrito por Friedrich von Schiller en 1785; obxecto de numerosos arranxos e versións, foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco. O último movemento desta sinfonía, adaptado por Herbert von Karajan, converteuse no himno oficial da Unión Europea.

'Feliz aniversario, Beethoven!', unha viaxe pola súa música e a súa vida