jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, presentou hoxe Estrelas Solidarias no Camiño, un evento gastronómico organizado polo restaurante Casa Barqueiro de Negreira que reunirá en Galicia o vindeiro 10 de agosto a varios dos cociñeiros españois máis prestixiosos e recoñecidos pois, en conxunto, suman máis de 30 Estrelas Michelin.

A traxectoria e hospitalidade que brindan Rogelio e Francisco Rial volverá congregar a chefs como Martín Berasategui, Jordi Cruz, Juan Mari Arzak, os irmáns Torres, Eneko Atxa, Jesús Sánchez, Marcos Granda ou os galegos Manuel Costiña e Miguel Ángel Campos, ambos do Grupo Nove. Todos estarán en Estrelas Solidarias no Camiño, unha cita na que colabora a Xunta de Galicia e cuxos beneficios irán destinados a Cáritas.

“Esta iniciativa aséntase sobre algúns dos piares que nos identifican como pobo e nos permite fomentar algunhas das cousas das que nos sentimos máis orgullosos, a nosa gastronomía, o noso patrimonio ou a nosa cultura”, subliñou Román Rodríguez sobre un “evento que fusiona a solidariedade, a gastronomía e o Camiño de Santiago”.

PEREGRINOS E EMBAIXADORES

Ao respecto, agradeceu o traballo dos irmáns Rial, propietarios do restaurante Casa Barqueiro, como “anfitrións e exemplo de dedicación” que, desde hai xa varios anos, reúnen a esta “constelación de Estrelas Michelin” nunha iniciativa á que se suma agora o Goberno autonómico. Malia que tradicionalmente o encontro ten lugar en Semana Santa, este ano tivo que ser adiado ao verán por mor da crise do coronavirus.

Román Rodríguez referiuse a estes máis de 30 Estrelas Michelin como “aliados e embaixadores de Galicia” e confesou que é “unha alegría contar con profesionais e iniciativas como esta que nos permitan fomentar os valores xacobeos, dado que en momentos como os actuais están máis vixentes que nunca na nosa sociedade”.

Na rolda de prensa, celebrada na Cidade da Cultura, interviñeron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o cociñeiro Rogelio Rial, en representación de Casa Barqueiro, e Javier García Sánchez, director adxunto de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Ademais, estiveron presentes Alfonso Cabaleiro, director xerente de Galicia Calidade, e Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña. Os cociñeiros Estrela Michelin enviaron un vídeo no que expresaron a súa satisfacción por formar parte de Estrelas Solidarias no Camiño.

VENDA DE ENTRADAS

A iniciativa terá lugar o luns 10 de agosto en Negreira, en concreto no recinto de Galicia Espectáculo no Polígono Industrial de Covas, que abrirá as súas portas a partir das 13,00 horas. No encontro gastronómico, ao que asistirán os chefs, participarán unha vintena de empresas do sector enogastronómico da Comunidade. A degustación estará acompañada de diversas actuacións cumprindo en todo momento os protocolos de seguridade hixiénico-sanitaria. As entradas, a un prezo de 60 euros, están á venda desde mañá en ataquilla.com. Os beneficios acadados irán destinados a Cáritas.


Previamente, durante esa mesma mañá, os chefs tamén realizarán unha andaina polo Camiño de Fisterra e Muxía, facendo parada en Ponte Maceira, considerada unha das vilas máis bonitas de España e un dos emprazamentos máis destacados deste itinerario xacobeo que a Xunta prevé recoñecer proximamente como Ben de Interese Cultural (BIC).
 

Valores xacobeos inclucados en cociñeiros estrela Michelin