sábado. 20.04.2024

A Xunta de Galicia vén de publicar o terceiro número das Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos das tres universidades galegas que xa foi enviado a todos os clubs e federacións deportivas de Galicia e pode ser consultado na páxina web do Deporte Galego. Este terceiro manual versa sobre a ‘Aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para motivalo e achegalo progresivamente ás demandas da loita, combate, etc.’. Neste terceiro documento continúase a desenvolver o consenso acadado entre o coordinador do proxecto, Rafael Martín Acero, representantes das tres universidades galegas e da Universidad Rey Juan Carlos e de Castilla La Mancha, sobre accións e suxestións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica (perceptivo motoras e cognitivas). Neste sentido, cómpre subliñar a guía de suxestións para a volta ao adestramento en deportes de loita/combate, controlando o risco de contaxio por coronavirus elaborada por Xurxo Dopico, Eliseo Iglesias, Dan Río, Eduardo Carballeira e Iván Clavel (Universidade da Coruña), así como Carlos Lago Peñas (Universidade de Vigo) e José Manuel García (Universidad de Castilla La Mancha).

Esta devandita guía recoñece que o coronavirus que produce a Covid-19 transmítese principalmente persoa a persoa a través de pequenas pingas respiratorias e mediante rutas de contaxio que teñen unha moi elevada incidencia nos deportes de loita e combate. Por iso, “os profesores dos distintos deportes de loita e combate tentaremos estar á altura das circunstancias e traballar no marco da seguridade e da saúde, escribindo a primeira páxina dun futuro mellor”. Na introdución da guía enuméranse algunhas modalidades e especialidades de loita e combate que viron freado o seu proceso de ensino-aprendizaxe e para as que se leva a cabo esta guía como poden ser Boxeo, Kickboxing, MuayThai, Judo, Kendo, Kempo, Karate, Kung-Fu, Sanda, Wushu, Loita Olímpica, Sambo, JiuJitsu, TaeKwondo ou Aikido.

A guía publicada hoxe é a terceira dunha serie que completará o documento único que contribuirá a reactivar os adestramentos e competicións das máis de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia e a recuperar o músculo do deporte galego, así como a plenitude física e psíquica de federacións, clubs e deportistas. A primeira delas, entregada o pasado luns 29 de xuño, trata as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista en busca da súa motivación progresiva para as esixencias da competición’. A segunda, hai catro días, ocúpase das ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para a súa motivación e achegamento progresivo ás esixencias do partido’. A cuarta e a quinta, ‘Guía para a volta a competición en deportes de equipo, con adaptacións para o risco de contaxio por coronavirus’ e ‘Guía para a volta á competición en deportes de loita/combate, con adaptacións para o risco de contaxio por coronavirus’, serán entregadas en vindeiras datas.

GUÍAS DXT GALEGO

As Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entende a elaboración deste documento como un novo exemplo do traballo do Goberno galego na busca do “constante apoio e consenso en todos e cada un dos membros desta sólida sociedade da que somos responsables”. Tras un comportamento “escrupuloso” durante os tres meses que tivo vixencia o estado de alarma na nosa Comunidade Autónoma, “a Xunta de Galicia entende que neste momento, garantir a seguridade e a saúde da nosa poboación tamén pasa por recuperar a actividade deportiva”, sentencia.

Guía de loita e combate