sábado. 20.04.2024

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolle hoxe as primeiras sesións prácticas do bloque común de adestradores deportivos nivel I que organiza o Centro Público Escola Galega do Deporte, reactivada a semana pasada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa tras preto de dez anos sen actividades formativas. Estas sesións prácticas obedecen ao programa de primeiros auxilios aplicados á práctica deportiva e teñen unha duración de 10 horas.

En total 25 alumnos das federacións deportivas galegas de halterofilia e remo, fórmanse en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios. Nas sesións matutinas, traballouse sobre a dinámica de accidente de autobús para triaxe, reanimación cardiopulmonar (RCP), manexo de desfibrilador e obstrución vía aérea. Mentres que nas sesións vespertinas estudáronse as lesións do aparato locomotor, práctica de vendaxes, contido do botiquín así como o resto de actuacións para tratar feridas, hemorraxias, asma, diabetes, queimaduras... Como é lóxico, o curso desenvolveuse respectando as normas establecidas para a Covid-19 (máscaras, distancia de seguridade, xel...). O vindeiro sábado 11 será a quenda do alumnado das federacións de boxeo e kárate e o sábado 18 tocaralle aos alumnos de kickboxing, loita e taekwondo.

NIVEL I

A Escola Galega do Deporte, centro público da Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa UFEDEGA, promove e autoriza os ensinos deportivos no período transitorio que desenvolven as federacións deportivas galegas, conducentes á obtención do diploma de adestrador deportivo de Nivel I, II ou III do deporte correspondente.

Neste caso particular do bloque común de nivel I a distancia, o curso está deseñado para que en 5 semanas o alumnado, coa axuda dun profesor e utilizando esta plataforma virtual, consiga os coñecementos teórico-prácticos sobre os catro módulos de contidos: bases de comportamento deportivo (20 horas), primeiros auxilios (30 horas - 10 delas en sesións presenciais prácticas), actividade física adaptada e discapacidade (5 horas) e organización deportiva (5 horas).

En total, 107 deportistas galegos formaranse como adestradores deportivos de nivel I sen ningún tipo de custo, máis aló dos trámites burocráticos.

A Escola Galega do Deporte bota a andar de novo