viernes. 29.03.2024

Os bombeiros forestais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia (SPIF) urxen a unha revisión do actual modelo de Servizo, o cal consideran obsoleto, ancorado no pasado, caracterizado por unha improvisación constante na xestión e con unha precariedade e condicións inasumibles polos seus traballadores.

- Dende a Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (APROPIGA), proponse un cambio do modelo do Servizo a través dunha mesa de negociación que implique á Administración, ás Organizacións Sindicais e ós traballadores e na que se aborden cuestións como as encomendas, a formación ou os equipamentos.

As tarefas de desinfección realizadas polos bombeiros forestais durante a emerxencia sanitaria do coronavirus, e que superan as de 5000, deixan unha clara constancia da polivalencia destes profesionais nas emerxencias do medio rural, para as cales reclaman unha maior formación específica.

Na recentemente publicada Táboa Básica Reivindicativa (axuntada en PDF) a asociación dos bombeiros forestais de Galicia, APROPIGA, demanda ó futuro Goberno da Xunta unha mesa de negociación que vaia nunha dirección clara: o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia como un servizo integral no medio rural e natural de Galicia. Este Servizo deberá sustentarse ó seu modo de ver nunha aposta decida por unha prevención de incendios real e efectiva, nun perfeccionamento do modelo de extinción de incendios e nunha participación directa e automatizada nas emerxencias do medio rural e natural da súa competencia. 

Asociado a dito modelo, dende APROPIGA subliñan como esixencias irrenunciables cuestións como aumento da estabilidade dos seus traballadores, o incremento do tempo de traballo do persoal de 6 e 9 meses e a prestación de servizos ó longo de todo o ano, a posta en funcionamento dun plan de formación específica que garanta a actualización dos traballadores, a recuperación de dereitos perdidos durante a crise económica vivida, a maior dotación de materiais, ferramentas e bases que permitan unha operatividade e loxística acorde ó seu traballo ou unha cobertura inmediata de prazas que arranxe os graves déficits de persoal do Servizo.

Un exemplo do cambio que o servizo necesita é para eles “a ausencia total e absoluta dunha verdadeira prevención de incendios forestais que dote de materiais e procedementos que posibilite aspectos tan básicos como ter as infraestruturas de defensa contra incendios cun mantemento adecuado para poder facer fronte con certas garantías á tempada de alto risco de incendios”.    Para APROPIGA, o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia “leva dende os seus inicios sendo sostido grazas ó sacrificio duns profesionais mal pagados, con contratos temporais eternos e cunha formación e precariedade incompatible coas responsabilidades que se lles esixen”, e definen este como “un servizo de usar e tirar, ó cal se lle da importancia estratéxica e atención nos períodos de alto risco e ante determinadas situacións de alta actividade incendiaria ou emerxencias puntuais como o Prestige ou a actual pandemia que estamos a vivir, pero que posteriormente é obviado, quedando esquecidas todas aquelas reformas e melloras necesarias”, xustificando así a necesidade dun novo modelo.

Os bombeiros forestais piden un cambio de modelo de Servizo ó futuro Goberno da Xunta...