O mercado tudense dos xoves regresa mañá nunha nova ubicación para garantir as medidas de seguridade

Dende mañá xoves, 18 de xuño, volverá celebrarse o mercado semanal dos xoves en Tui.  Para cumprir coas medidas sanitarias derivadas da actual situación dende o Concello decidiuse o cambio de emprazamento do mercado cara á zona de Camfran, entre a prolongación de Casal Aboy e a Avenida de Concordia, cunha superficie de case 15 mil metros cadrados.

O Concello está a realizar obras de mellora e acondicionamento no recinto, consistentes no acondicionamento e homoxeneización do espazo, o que redundará nun espazo máis seguro ante a actual situación.

Nas últimas semanas traballouse cos servizos técnicos municipais sobre un plano para recolocar aos 160 postos de maneira que se poida garantir, nesta nova normalidade, a seguridade dos vendedores ambulantes e a da cidadanía en xeral, xerando maior espazo para as persoas.

Os accesos estarán controlados por persoal habilitado para velar polo aforamento do recinto. Establécese un sentido único de tránsito con percorridos separados por valos e cinta, coa finalidade de evitar aglomeracións.

No acceso ao mercadillo o Concello porá a disposición da cidadanía un dispensador de hidroxel de uso obrigatorio e carteis informativos sobre as normas de hixiene.  No recinto do mercado tanto os vendedores coma os compradores deberán levar máscaras e a manter unha distancia mínima de dous metros

Os postos deberán gardar unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e 2 metros co lateral. Cada posto debe contar con dispositivos para residuos e con bolsa que permitan o seu peche estanco. Os postos deben ser desinfectados e limpados con frecuencia, tendo en conta as superficies tocadas, e seguindo as instrucións de limpeza e desinfección ditadas para facer fronte á pandemia do coronavirus. Quedará prohibido tocar os alimentos ou produtos, de modo que exclusivamente poderán ser manipulados polos vendedores. No caso dos postos de téxtil ademais deberán utilizar un desinfectante téxtil ou pór as pezas probadas en corentena. Recoméndase tocar as pezas o menos posible.

A Policía Local e Protección Civil encargaranse de garantir o cumprimento das medidas de prevención establecidas.

A concelleira de Mercado e Comercio, Ana Núñez, explica que “desde que se anunciou a entrada na Fase 1 veuse traballando,  en colaboración cos representante dos vendedores ambulantes na localidade, para analizar a volta a esta actividade do 100% dos vendedores e establecer así mesmo un protocolo para renovar o mercadillo, de forma que se garantan en todo momento as medidas de seguridade, hixiénicas e sanitarias que protexan tanto a vendedores como a compradores”.

Esta nova realidade, engade, chega cun cambio de localización á área de Camfran da totalidade dos postos que teñen a súa renovación ao día debido “á imposibilidade de garantir as medidas de seguridade e distancia social na localización habitual do Paseo da Corredoira, da Praza de Galicia, e das rúas Lugo, Mondoñedo e Compostela”.

O mercadillo de Tui conta cun total de 160 postos, polo que o volume de ocupación é moi extenso e apenas queda marxe para gardar as medidas de seguridade establecidas por decreto, apunta a edil. Remata sinalando que “queremos que o mercadillo se realice coas máximas garantías de seguridade e de saúde para os nosos veciños e visitantes”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada