viernes. 29.03.2024

O pleno mosense aprobou o proxecto de Humanización da Contorna Parroquial de San Mamede-Torroso trátase do máis grande de toda Galicia do Plan Hurbe na actualidade, ascendendo o orzamento total da obra de humanización a case 400.000 euros, 390.000 euros para ser exactos. Dos que a administración autonómica asume o 70% e o Concello financia un 30%. A actuación abarcará uns 7.000 metros cadrados e suporá un cambio radical na parroquia.

O prazo de execución desta obra é de 9 meses e os traballos a realizar consisten nun proxecto de urbanización e acondicionamento para uso de lecer e esparcemento, tratando de unificar o conxunto do vial e o torreiro da festa cunha pavimentación con materiais pétreos, así como deseño dunha peza de unión realizada con pedra. Nesta peza concéntrase a maior parte da intervención: asentos, iluminación, escaleiras de paso, vexetación, etc. A humanización complétase coa execución dunha beirarrúa pola estrada Puxeiros-Mos que conectará o vial pavimentado co Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Ademais realizarase un proxecto de iluminación con luminarias integradas no pavimento en diálogo co lugar e a intervención, e retiraranse as liñas aéreas (que serán soterradas) e as luminarias sobre postes, que serán substituídas por luminarias sobre báculos.

As obras a realizar comprenden a substitución do pavimento de aglomerado asfáltico por un pétreo (enlosado de granito/adoquín con solera de formigón baixo o pavimento) máis acorde co entorno, o que conlevará tamén unha renovación das instalacións, dotación de novas non existentes e reordenación do conxunto dos espazos adxacentes á Igrexa co consecuente novo amoblamento e deseño.

Os traballos de xardinería incluirán un estudo da vexetación existente para a súa mellora ou substitución. Xeración de novas sombras nos itinerarios propostos e axardinamento de baixo porte nos espazos ou percorridos que así o requiran.

Luz verde á humanización da contorna parroquial de San Mamede-Torroso en Mos