viernes. 19.04.2024

Xa se atopa rematado o Estudo do Impacto Económico do COVID-19 en Mos sobre o que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego, Julia Loureiro, fixeron este venres públicos os resultados.

Para a elaboración do devandito estudo mantívose contacto directo con todas as empresas do municipio: en total 2.000 unidades empresariais entre autónomos e empresas.

O estudo foi coordinado desde a Axencia de Colocación mosense, contando con 5 técnicos/as traballando no mesmo, e con todo o equipo de goberno local implicado no proxecto.

A crise xerada pola evolución epidemiolóxica da COVID-19 provocou un forte impacto económico en case todos os sectores e actividades económicas do municipio de Mos.  Os resultados do estudo clasificáronse en dúas vertentes, por un lado o impacto económico nas empresas e por outro nos autónomos.

No que respecta ás empresas inventariáronse 1.281 empresas e avaliáronse a 958. Da análise realizada concluiuse que atendendo á incidencia dos ERTEs obsérvase que o 34% das empresas entraron en ERTE, o 34% prestaron servizos esenciais, o 31% foron servizos non esenciais que non pecharon ou só o fixeron as dúas semanas obligatorias, e o 1% cesaron a actividade con prestación solicitada/concedidas.

O maior impacto dos ERTEs produciuse nas empresas do sector da automoción, seguidas das de comercio ao por maior, transporte, industria mecánica e fabricación, hostelería e comercio ao por menor. Os menos afectados polos ERTEs foron os negocios de perruquería e estética, ocio infantil, formación especializada e artes escénicas.

Dentro dos ERTES o 75% dos que se produciron en Mos corresponden ao sector da hostelería, o 17% a perruquería e estética, o 5% profesionais de artes escénicas e música, o 2% a comercio polo miúdo de tipo quioscos, estancos e administracións de lotería e o 1% a comercio polo miúdo ferretería e droguería.

Por sectores o máis afectado foi o da hostelería concentrando o maior número de traballadores afectados por ERTE e autónomos con cese de actividade-prestación.

Dentro dos autónomosen cese de actividade-prestación a maioría (o 63%) son tamén do sector da hostelería, seguidos do sector da perruquería e estética cun 17%.

Os negocios con menor impacto foron os de comercio polo miúdo de productos alimenticios.

De entre as empresas analizadas houbo 8 que experimentaron a pesar da crise unha maior facturación e 56 que non experimentaron incidencia.

Os datos expostos son datos significativos da fortaleza do tecido empresarial do municipio, cunha alta porcentaxe de empresas que non tiveron incidencias durante o estado de alarma. Pero tamén é significativo o dato da porcentaxe máis alta de incidencia (100%), encontrándose entre estas empresas 37 consideradas como moi afectadas debido aos sectores de actividade que desenvolven: centros de ocio infantil, automoción e relacionados coa mesma, catering de colexios, transporte público e de escolares, centros deportivos, empresas de artesanía, e empresas relacionadas co sector cultural e turístico. Son sen dúbida sectores moi afectados, para os cales se están a tomar medidas de apoio a través da UCI empresas.

En canto aos autónomos os resultados do estudo conclúen que os ERTEs afectaron a un 63% das persoas traballadoras en pequenos negocios dirixidos por autónomos e autónomas, aos que se suma un 29% de autónomos que solicitaron a prestación extraordinaria por cese de actividade.

Os sectores nos que máis afectou a crise foron: hostelería (75%), servizos de perruquería e tratamentos de estética (16%) e unha porcentaxe pequena, aínda que significativa de profesionais de artes escénicas e música (5%).

Os negocios con menor impacto da crise da Covid-19 foron: o sector alimentación e comercio ao por menor de productos de primeira necesidade, nos que se inclúen productos de droguería, ferretería, períodicos, e servizos de reparación de automóviles e maquinaria.

As parroquias nas que máis autónomos se detectaron foron as de Tameiga e Sanguiñeda.

De entre os autónomos contactados só 3 experimentaron maior facturación durante a crise e 9 non tiveron incidencia negativa da mesma. Extráese destes datos, a incidencia significativa no sector da hostelería e servizos persoais. A crise do Covid-19 que limita sobre todo as relación interpersoais, afectou a actividades económicas baseadas nesa proximidade. E é moi importante o impacto económico nunha porcentaxe do 100% no ámbito das persoas autónomas do municipio.

O obxectivo desta análise, unha vez rematada, é obter un coñecemento en detalle das actividades afectadas por esta crise, para adoptar as medidas adecuadas para facilitar a reactivación das pequenas empresas do municipio. Os pasos a dar a continuación encamiñaranse a buscar as vías necesarias para emprender as medidas oportunas ao respecto.

O 75% dos ERTES que se produciron en Mos corresponden ao sector da hostelería