jueves. 18.04.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da 39ª Feira do Libro de Santiago de Compostela, na que subliñou o traballo da Federación de Librarías de Galicia para lograr que esta cita feiral co Libro sexa a primeira que se celebra en España despois do período de confinamento pola covid-19.

A cita, que se desenvolverá no paseo da Alameda, estará aberta até o vindeiro mércores, contará con 35 sinaturas de libros a cargo de autores como María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre ou Alfredo Conde, entre outros, e incluirá unha novidosa proposta de dinamización acústica que harmoniza a experiencia de lecer e a seguridade. Trátase de intercalar entre a música fragmentos gravados de persoas ofrecendo textos dramatizados, recitais ou, sinxelamente, falando da importancia dos libros e da lectura.

“Traballouse moi duro −explicou o titular de Cultura− para reorganizar datas, adaptarse á nova realidade e reprogramar unhas citas co Libro que estean á altura do sector editorial galego e, ao tempo, sexan seguras para todos”, que fixo fincapé na oportunidade de devolverlle ao sector do Libro “a súa xenerosidade durante o confinamento, mercando e lendo libros”.

A PRIMEIRA DE NOVE

Terán presenza cun espazo propio as librarías Pedreira, Cortizas, Numax, Ler Librerías e A gata tola, así como Alvarellos Editorial, a primeira do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2019, que tamén recalarán até o vindeiro mes de outubro en vilas e cidades como Vigo, Ponteareas, Redondela, Rianxo, A Coruña, Foz, Monforte de Lemos e Ourense. As feiras do libro son unha das liñas de actuación permanente desenvolvida pola Xunta en colaboración coa antedita Federación.

No acto inaugural participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e a pregoeira da cita, a xornalista e escritora María Solar.

Feira do Libro de Santiago, a primeira en España tras o confinamento